Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP e as universidades galegas renovan a súa colaboración para organizar actividades formativas e de investigación conxuntas

    A Escola / Martes, 16 de Outubro de 2018.

    Esta mañá asinouse un convenio entre a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña para colaborar, por quinto ano consecutivo, na organización de actividades formativas, divulgativas e de investigación. No acto participaron os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e de Vigo, Manuel Reigosa; xunto coa directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.


    A sinatura deste documento marco posibilita que o persoal de administración e servizos das tres universidades públicas galegas acceda á formación convocada pola EGAP, tanto con actividades exclusivas para eles como coa súa participación no Plan formativo ofimático de Galicia, no programa de autoformación e no portal de idiomas. Desta maneira, o dito persoal recibe unha formación actualizada e de calidade impartida polos mellores profesionais, equiparando a súa situación coa dos demais empregados públicos de Galicia que teñen acceso a estas actividades desde hai anos.

    Inicialmente, esta iniciativa só incluía a formación do persoal de administración e servizos das universidades, pero foi evolucionando ata adquirir cada vez máis relevancia. Así, entre outras novidades, este convenio permitirá a realización conxunta de cursos de verán aos que tamén poderá asistir o persoal da Xunta, beneficiándose desta acción todos os empregados públicos de Galicia.

    Este acordo inscríbese na aposta da Administración autonómica pola cooperación e suma de esforzos en todos os ámbitos, incluída a formación. De aí que nos últimos anos se fora reforzando a colaboración entre a EGAP e outras institucións, como a Administración local, a Administración de Xustiza ou as propias universidades.

    Máis de 7.400 prazas desde 2014
    Desde o ano 2014 o persoal de administración e servizos das tres universidades galegas puido matricularse nun total de 144 edicións formativas e acceder a 7.432 prazas convocadas especificamente para este colectivo.

    En concreto, para este 2018, o convenio permitirá a convocatoria de 25 edicións e 1.100 prazas, ademais do acceso deste colectivo ás materias do Plan formativo ofimático de Galicia, ao programa de autoformación e ao portal de idiomas da EGAP. Finalmente, ao abeiro deste texto tamén se convocará unha xornada sobre Protección de datos e ciberseguridade que terá lugar no mes de decembro
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 712 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212