Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    Xornada "Galicia. Corenta anos de autonomía (1981-2021)"

    Xornadas / Martes, 28 de Setembro de 2021.

    A aprobación do Estatuto de Autonomía para Galicia foi froito do consenso acadado entre os distintos actores políticos a través dun proceso que comezou cos traballos realizados pola chamada Comisión dos dezaseis. Esta comisión, integrada por representantes de diferentes formacións políticas con presenza en Galicia, presentou un texto profundamente modificado pola “Ponencia dos nove” e que sería aprobado na asemblea de parlamentarios galegos o 5 de maio de 1979. Xa no seu paso, último, polo Congreso dos Deputados, experimentou novas modificacións derivadas da sinatura do denominado “Pacto do Hostal” en setembro de 1980 que cristalizarían no texto definitivo posteriormente sometido a referendo do pobo galego.


    O Estatuto de Autonomía para Galicia, aprobado o 6 de abril de 1981 pola Lei Orgánica 1/1981, é a norma institucional básica da nosa comunidade autónoma na que se recoñece a condición de nacionalidade histórica e na que se afirma que os poderes da Comunidade emanan do Estatuto, da Constitución e do pobo galego. Polo demais, a norma estatutaria procede ao deseño da arquitectura institucional e da estrutura competencial da nosa autonomía, así como á regulación da cooficialidade dos idiomas galego e castelán.

    Para conmemorar o corenta aniversario do noso Estatuto celébrase esta xornada dirixida a poñelo en valor e a debater en torno ás implicacións do vixente marco estatutario e a súa contribución esencial ao desenvolvemento da autonomía política e do autogoberno, así como a analizar a súa posible proxección nos vindeiros anos.

    Canto ao programa, nesta xornada profesionais de recoñecido prestixio e protagonistas tanto dos comenzos como da actualidade da nosa autonomía abordarán diferentes aspectos relacionados coa norma fundamental da comunidade autónoma para fomentar o debate e a reflexión en torno a cuestións latentes e retos de futuro do autogoberno.

    Persoas destinatarias: a xornada está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus entes instrumentais, da Administración local, de Xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.
    Datas: 18 e 19 de outubro de 2021
    Lugar: Día 18: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela. Día 19: Sala de Arte, Hostal dos Reis Católicos
    Horario: Mañá e tarde o día 18, só mañá o día 19
    Duración: 8 horas lectivas
    Número de prazas: o número de prazas desta xornada determinarase en función das solicitudes recibidas e da capacidade dos espazos dispoñibles, adaptándose en todo caso ás medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.
    Inscrición: desde as 08:00 horas do 29 setembro ata as 23:55 horas do día 8 de outubro de 2021.
  • Recursos
  •   Matrícula  
  •   Resolución no DOG  
  •   Ficha da xornada  
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 971 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212