A Escola convoca actividades formativas en materia de igualdade e violencia de xénero
Cursos / Venres, 18 de Marzo de 2022.
O Plan formativo en materia de igualdade e violencia de xénero para o ano 2022 continúa cunha oferta formativa conxunta para que todos os colectivos poidan acceder á formación con independencia da Administración á que pertenzan. Estas actuacións teñen o propósito de que o maior número de persoas ao servizo das administracións públicas poida acceder a unha formación específica sobre estes contidos, e contribuír así, a través da capacitación do persoal, a integrar a igualdade de oportunidades de xeito transversal nas actuacións das administracións públicas de Galicia.
As actividades formativas en materia de violencia de xénero están a ser financiadas nun 46% con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade).
Persoas destinatarias: o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración de xustiza de Galicia; das entidades locais de Galicia; e o persoal de administración e servizos das tres universidades do Sistema universitario de Galicia.
Matrícula: desde as 8 horas do 19 de marzo ata as 23.55 horas do 1 de abril na Área de matrícula da EGAP. O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a tres.