Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    Publicado o Plan de formación para o ano 2023

    Cursos / Xoves, 29 de Decembro de 2022.

    A EGAP publica o plan de formación para o ano 2023 dirixido en exclusiva ao persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración de xustiza de Galicia,das entidades locais de Galicia e ao persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia. Este plan ten unha finalidade informativa, xa que a matrícula para as actividades habilitarase ao longo do ano a través das respectivas convocatorias. 


    O plan pretende ser un instrumento que contribúa decisivamente á actualización de coñecementos e competencias profesionais e que incorpore as principais novidades lexislativas e de funcionamento das administracións, co obxecto de poder identificar as oportunidades e darlle resposta aos desafíos do actual contexto e incluso anticipar os retos futuros, a través dunha oferta coa que o persoal ao servizo do sector público poida mellorar a súa cualificación e capacitación profesional, tendo sempre no horizonte a perspectiva da mellora na prestación dos servizos públicos.

    O programa formativo deseñado para o ano 2023 habilita o acceso de todos e cada un dos colectivos a unha serie de áreas esenciais, adaptadas ás necesidades específicas e ás funcións asignadas a cada un deles. As ditas áreas son as seguintes:
    • Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas.
    • Unión Europea: políticas públicas e procedementos comunitarios.
    • Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades.
    • Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa.
    • Plan de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.
    • Lingua galega.
    • Portal de idiomas.
    • Plan formativo ofimático de Galicia.
    • Plan formativo no marco do Instituto de Economía Pública de Galicia.
    Respecto deste último, convén sinalar que, por primeira vez, as actividades formativas programadas no marco do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) se integran no Plan de formación continua da EGAP, cunha oferta dirixida a facerlles fronte aos principais retos que se lles presentan ás administracións públicas en materia económica e orzamentaria, a través de actividades formativas específicas sobre fiscalidade, financiamento público, economía orzamentaria, contratación pública, xestión de subvencións ou procedemento tributario, entre outras.

    En suma, o Plan de formación para o ano 2023 representa, así pois, unha clara aposta polo desenvolvemento profesional das persoas ao servizo das administracións públicas de Galicia, na procura de contribuír, a través da incorporación de contidos estratéxicos e de máxima actualidade, á actualización permanente e mellora da súa cualificación e, polo tanto, á modernización das nosas administracións públicas, e coa perspectiva, sempre presente, de poder incidir na calidade dos servizos prestados á cidadanía, pois é ese o fin último que debe guiar calquera actuación no ámbito público.

    Finalmente, é preciso destacar que esta resolución ten carácter informativo e que a execución das accións recollidas nela queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente e ao que se estipule en cada convocatoria. Así mesmo, debe advertirse que quedan excluídas as actividades derivadas de cursos selectivos, os cursos superiores, as actuacións en colaboración, as xornadas, conferencias, seminarios e cursos monográficos, así como as actividades doutras administracións públicas (excepto as sinaladas) e as actividades de formación do persoal docente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, do persoal sanitario e do persoal das forzas e corpos de seguridade.
  • Recursos
  •   Resolución no DOG  
  •   Plan de formación 2023  
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1081 de 1209
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212