O profesor de Dereito Administrativo na Universidade de Salamanca, Pedro Nevado-Batalla Moreno, defendeu hoxe a necesidade de promover un ambiente de estímulo e satisfacción, persoal e colectiva, entre os empregados públicos que oriente a acción administrativa cara a unha mellor e máis eficaz atención ao interese común. Fíxoo durante a conferencia que impartiu esta mañana na EGAP co título Motivación e prestixio no servizo público, na que asistiron a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, e a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar Vázquez.
Durante a súa intervención, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia do relatorio, que encádrase no ciclo de conferencias Presente e futuro do emprego público na Administración poscovid, xa que “é unha gran oportunidade para repensar o papel do público en tempos de transformación, e para poñer en valor a quen o fai posible cada día”.
Pola súa banda, Pedro Nevado-Batalla afirmou que a burocracia española “ten necesidade de facer dúas cousas: atinar na selección do persoal, esixindo verdadeira competencia, e persoalizar a responsabilidade da función. Hai que facer saber ao funcionario que é un profesional ao servizo do Estado”.
O profesor falou da xestión da motivación no emprego público e sinalou que hai unha percepción social distorsionada do mesmo. “Non se pode construir sobre unha percepción incorrecta. A lenda negra da función pública de que é ineficaz, inmovilista, está sobredimensionada e que é unha inimiga do sector privado converte aos empregados públicos en débiles ou inferiores fronte á sociedade, limitando o presente e o futuro. Hai que defender o valor do público. Os funcionarios defenden o interese xeral. Somos unha garantía para a democracia”.
No seu relatorio apelou a necesidade de poñer en valor á Administración Pública e os seus empregados “que garanten o espazo de dignidade e desenvolvemento que unha sociedade democrática require. A sociedade debe valorar o mérito, a capacidade e o esforzo dos funcionarios públicos”.
Pedro Nevado-Batalla afirmou que ten que haber un máximo aproveitamento do valor das persoas que decidiron facer do seu traballo unha contribución ao ben común. “É preciso promover unha cultura de servizo público baseada nunha función pública orgullosa da súa condición. A eficacia administrativa defínese en gran medida polo ser humano e os seus sentimentos cara á organización na que presta os seus servizos ”, subliñou.
Tamén apuntou que a inercia e a falta de ambición política respecto aos empregados públicos “desgasta a súa propia estima e a percepción dos cidadáns cara a eles, provocando que se prive ao persoal público do seu dereito a selo a través dun sentimento positivo de estar a prestar un valioso servizo ao benestar común”. Por último, destacou a importancia de defender a identidade constitucional do servidor público para aumentar o prestixio do emprego público.
Obxectivos
Os obxectivos da conferencia impartida por Pedro Nevado-Batalla foron fomentar a vocación de servizo, tratando de incentivar aos empregados públicos a desempeñar as súas funcions con compromiso e sentido de responsabilidade social, lembrando o servizo público como un labor esencial para o benestar da cidadanía.
Coa xornada formativa tamén pretendeuse resaltar a importancia do prestixio institucional, analizando o impacto da reputación e o recoñecemento do servizo público. Ademais, buscouse incrementar a motivación dos empregados públicos, fomentando o liderado, a proactividade e a satisfación do servizo prestado como elementos fundamentais para o desempeño eficiente da súa función.
Asimesmo, Pedro Nevado-Batalla desenvolveu diversas estratexias para mellorar a produtividade, a eficiencia e a calidade do servizo nas institucións públicas e destacou a relevancia da ética e a integridade na xestión pública, incentivando á interiorización de principios que contribúan a mellorar a fortaleza das institucións.