Destacados expertos nacionais en Dereito Administrativo participan desde hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) no curso monográfico A regulación da intelixencia artificial: sistemas e datos. Regulación da normativa europea, estatal e autonómica.
Esta acción formativa está organizada pola EGAP e a Axencia pola Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e conta coa colaboración do Observatorio Internacional da Regulación de Entidades do Sector Público.
O curso monográfico foi inaugurado esta tarde pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da AMTEGA, Julián Cerviño, e o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago e director do curso, Marcos Almeida Cerreda.
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia do curso no que se analizará o marco normativo da intelixencia artificial desde unha perspectiva europea, estatal e autonómica, con especial atención á lexislación galega recentemente aprobada pola Xunta de Galicia.
Durante a súa intervención, sinalou que “é preciso regular e garantir que o emprego dos sistemas de intelixencia artificial por parte do sector público non supoñe unha mingua dos dereitos dos cidadáns nin un debilitamento do Estado de dereito no mundo dixital”.
Sonia Rodríguez-Campos afirmou que neste curso monográfico afondarase nas vantaxes e riscos que conleva o uso da intelixencia artificial na Administración pública polo que “é preciso que o persoal empregado público estea formado e preparado para aplicar esta nova tecnoloxía, que permitirá mellorar o modelo de relación entre as administracións e os cidadáns e ofrecer uns servizos públicos con maior calidade e eficiencia”.
Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou a importancia de que o persoal empregado público coñeza o novo marco de regulación sobre os usos dos sistemas de intelixencia artificial na Administración e nos servizos públicos.
Indicou, así mesmo, que a intelixencia artificial “pode humanizar a Administración e darlle un novo valor e sentido ao traballo do persoal empregado público, que poderá centrarse máis nas persoas e na supervisión das tarefas automatizadas”.
Cerviño puxo en valor que “Galicia foi a primeira rexión europea en afrontar a responsabilidade de trasladar e adaptar a unha lei propia os principios e obrigas recollidos no Regulamento europeo de IA”.
A sesión inaugural correu a cargo do director da Axencia Española de Protección de Datos, Lorenzo Cotino Hueso, que impartiu un relatorio sobre O Regulamento (UE) 2024/1689 polo que se establecen normas harmonizadas en materia de intelixencia artificial.
De seguido, celebrouse unha mesa redonda sobre A gobernanza da intelixencia artificial e os principios xerais para asegurar unha IA ética e fiable. Nela participaron o delegado de Protección de Datos da Universidade de Alacante, Rubén Martínez Gutiérrez, e Martín Mª Razquín Lizarraga, da Universidade de Navarra. A mesa redonda foi moderada por Marcos Almeida Cerreda, profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago.
A través dos distintos relatorios impartidos por destacados expertos nacionais en Dereito Administrativo abordaranse os principios éticos e xurídicos que deben rexer o uso da intelixencia artificial, a súa aplicación na Administración pública, as medidas de impulso e a súa gobernanza, a contratación pública e a formación de empregados e cidadanía, nun contexto de transformación dixital, responsable e segura.
Programa do venres
O curso monográfico continuará mañá venres co relatorio que ofrecerá Patricia Valcárcel Fernández, da Universidade de Vigo, titulado As medidas para o impulso da intelixencia artificial, en especial en Galicia.
A continuación, participará Agustí Cerrillo Martínez, da Universitat Oberta de Catalunya, que afondará sobre O uso da intelixencia artificial e modelos de intelixencia artificial no seo das administracións públicas.
De seguido, Matilde Carlón Ruiz, da Universidade Complutense de Madrid, impartirá unha charla sobre A planificación, xestión e colaboración administrativa no campo da intelixencia artificial.
Por último, María José Roca Fernández, da Universidade Complutense de Madrid, falará sobre Os dereitos da cidadanía e as súas garantías, en especial as persoas comisionadas de intelixencia artificial.