A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) celebrou hoxe o acto de conmemoración do Día das Letras Galegas cunha homenaxe á xornalista e escritora Begoña Caamaño, no que participaron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.
Durante a súa intervención, a directora da EGAP destacou a figura de Begoña Caamaño “pola súa contribucción á literatura galega contemporánea e a súa capacidade para abrir novos espazos de representación feminina na narrativa galega”.
Sonia Rodríguez-Campos sinalou que “trátase dunha homenaxe plenamente merecida a unha autora que soubo reinterpretar os grandes mitos clásicos desde unha perspectiva innovadora, feminista e profundamente humanista”.
Ademais sinalou que a súa homenaxe adquire un significado especial para as institucións públicas galegas e para organismos como a EGAP. “A figura de Begoña Caamaño representa valores plenamente vinculados ao servizo público: a defensa da igualdade, o compromiso coa cidadanía, a promoción da cultura propia e a construcción dunha sociedade máis democrática, inclusiva e crítica”.
Durante a xornada conmemorativa leváronse a cabo diversas actividades para dar a coñecer o legado da homenaxeada como o relatorio que impartiu o escritor e docente Ramón Nicolás Rodríguez Begoña Caamaño, identidade, barrio e creación.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, clausurou o acto. Durante a súa intervención, reafirmou o compromiso da Xunta coa defensa e promoción do galego, “un dos piares fundamentais do noso patrimonio inmaterial”. Destacou que “o galego é a lingua coa que podemos expresarnos nas redes sociais, na literatura, no ámbito laboral e do lecer”, reafirmando a creación galega e en galego.
Corgos aproveitou a súa intervención para resaltar e agradecer o compromiso da Escola Galega de Administración Pública coa difusión e o fomento do emprego da lingua galega, con actividades como, por exemplo, o concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas, cuxos galardóns foron entregados ao longo do acto.
O conselleiro de Facenda concluíu subliñando que a lingua galega representa un elemento capital da nosa singularidade, “un patrimonio cultural que nos define como pobo e que constitúe unha parte significativa da excelencia e autenticidade da nosa Galicia Calidade”.
O acto completouse coa proxección dun vídeo homenaxe e unha actuación musical a cargo de Inma López Silva e Francisco Castro.
Concurso de literatura infantil e xuvenil
Durante o acto tivo lugar a entrega dos galardóns do concurso de literatura infantil e xuvenil organizado pola EGAP con motivo do Día das Letras Galegas. Na categoría entre 9 e 11 anos, o gañador foi Mael Reitán Davila por Paqui a Vilanesa, e a segunda clasificada foi Sofiya Insúa por O raposo e a limacha. O terceiro premio foi para Arwen Fernández por O pequeno e o volcán.
Na categoría entre 12 e 14 anos, o gañador foi Eume Piñeiro por A besta; o segundo clasificado foi Itxaso Illarramendi por As nenas bonitas cavan tumbas, e a terceira Ana López, por Caos no papel.
Viaxe de interese cultural
As actividades convocadas pola Escola para esta efeméride rematarán coa xa tradicional viaxe de interese cultural para o persoal empregado público, que terá lugar o domingo 24 de maio, e percorrerá Vigo, vila natal de Begoña Caamaño.