O artigo 43 da Constitución española, tras proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, para levar a efecto este mandato constitucional, completouse o corpo normativo fundamental de tutela da saúde pública a nivel estatal coa Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, norma que, entre outras cousas, recolle unha serie de medidas que as autoridades sanitarias poderán adoptar para tutelar a saúde pública en situacións de risco.
Non obstante o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto que era preciso contar cunha maior regulación no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle esta lexislación para tutelar a saúde pública ante as crises sanitarias e a esta consideración responde a Lei 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Esta lei trata de responder, fundamentalmente, á necesidade dunha maior concreción das medidas susceptibles de ser adoptadas nestes casos e de contar cunha axeitada regulación dos requisitos exixibles para a súa adopción por parte da autoridade sanitaria competente, así como á necesidade dunha maior claridade e concreción do réxime sancionador aplicable e da precisión dos termos e do alcance da garantía xudicial.
Este webinario ten como obxectivo dar a coñecer o contido da Lei 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, con especial fincapé nas modificacións que introduciu respecto da regulación anterior.
TELEPRESENZA |