Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
PU10008 - Congreso sobre Unha Visión Xurídica do Camiño de Santiago
Imaxe Curso/Xornada

Tratarase dun Congreso que analizará a situación da normativa de protección dos Camiños na nosa Comunidade Autónoma e da súa necesaria reforma, analizará os problemas contenciosos e penais derivados do Camiño e estudaranse todos os problemas de xestión dende un punto de vista xurídico, de aí que poda destinarse a todos os xestores pero tamén a órganos de fiscalización xurídica e resolución de problemas de índole xurisdicional (avogados do Estado, letrados de todas as Comunidades Autónomas, da Seguridade Social, asesores xurídicos municipais, etc)

DESCARGAR DOCUMENTOS
Edicións
SANTIAGO
Localidade
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Inicio
14/04/2010
Fin
16/04/2010
Prazas
298
Programa
Sesión Inaugural
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Roberto Varela Fariña, conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
Beatriz Allegue Requeijo, presidenta da Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia.
María Cayetana Lado Castro-Rial, directora da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.
Pablo Figueroa Dorrego, director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega.

  •  
    •   Imaxes
    •   Video
    •   Audio

A normativa do Camiño de Santiago. A década dos 90 como período de revitalización xurídica do Camiño de Santiago.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Percorrido pola historia do camiño de Santiago remontándose aos seus inicios e resaltando a súa expansión e repercusión, non só na cidade compostelá senón tamén nas vilas polas que transcorre. Resáltase o camiño como unha grande influencia na expansión das artes, converténdose nun itinerario de intercambio de ideas e na fragua da conciencia cultural de Europa. Relátanse as medidas tomadas desde as diferentes administracións para promover a ruta Xacobea e o nacemento do Plan Xacobeo. Tamén se fai fincapé na protección galega do Camiño de Santiago, incluíndo os seus monumentos, asociacións e tamén aos propios peregrinos. A defensa do patrimonio material e inmaterial do camiño faise a través da creación da Lei 3/1996, do 10 de maio; a cal obriga a protexer e promover o camiño e determinados aspectos relacionados co mesmo.

  •  
    •   Video
    •   Audio

A protección do Camiño de Santiago e do peregrino ao longo da historia
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Repaso histórico centrado no medievo da protección recibida tanto polos peregrinos como polo Camiño de Santiago (patrimonio cultural mundial declarado pola UNESCO), que se converteu nun espazo esencial na articulación da actividade económica de Europa e na creación das vilas. O tempo no que se regula a protección dos peregrinos é unha época marcada pola fragmentación feudal, política e xurídica. O concepto xurídico do peregrino aparece por primeira vez no Fuero Juzgo, a partir do cal se regula o deber de hospitalidade, as sancións dos abusos que se daban contra os peregrinos e a creación dos salvocondutos para atravesar as fronteiras sen dificultades. Posteriormente nace a credencial que ten como fin identificar ao peregrino e garantirlle o paso de fronteiras sen dificultades. Ao mesmo tempo, aparece a necesidade de evitar os enganos dos que se facían pasar por romeiros para gozar das vantaxes destes.

  •  
    •   Video
    •   Audio

A protección xurídica do Camiño de Santiago. Primeira Parte.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Un dos primeiros pasos na regulación normativa do Camiño de Santiago foi a súa declaración como conxunto histórico-artístico, segundo o Decreto 2224/1962, do 5 de setembro. Este decreto vaise interpretar de xeito distinto fóra e dentro de Galicia, o que provoca que o Camiño Francés teña unha protección maior que as restantes rutas. Ata 1995, coa Lei 8/1995 de 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, non se elabora na comunidade unha lei de protección cultural que se poida aplicar ao camiño. Posteriormente, a Lei 30/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, define o ámbito de aplicación da lei aínda que xera confusión; xa que marca dous niveis de protección distintos segundo se trate do Camiño Francés ou dos demais.

  •  
    •   Imaxes
    •   Video
    •   Audio

A protección xurídica do Camiño de Santiago. Segunda Parte.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

O modo de protección do Camiño é un problema común ao resto de comunidades autónomas. É preciso, en todo o territorio español, delimitar e restablecer as rutas xa que tanto os tramos coñecidos como os que se delimiten posteriormente están declarados como conxunto histórico-artístico. Despois da publicación da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español o Camiño de Santiago declárase ben de interese cultural e as comunidades autónomas seguiron estratexias comúns. Como exemplo, móstranse as medidas lexislativas tomadas en Aragón, Navarra, La Rioja, Euskadi, Castilla y León, Asturias e Cantabria. En Galicia a lei establece diferentes niveis de protección dos bens catalogados e delimita os usos nas zonas laterais de protección.

  •  
    •   Imaxes
    •   Video
    •   Audio
    •   Present

Mesa redonda: A acción administrativa de fomento do Camiño de Santiago
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Antonio Manuel López Miño explica as medidas de fomento do Xacobeo, centrándose nas subvencións, unha medida de apoio económico e directo, e nos convenios de colaboración. Analiza o sistema de outorgamento e os factores positivos e negativos da súa concesión. Algunhas destas axudas proveñen da Unión Europea, que ofrece dous tipos de apoio: un directo e activo, practicamente testemuñal, e outro indirecto, a través da achega de fondos europeos. Carlos Abuín Flores cualifica a defensa da cultura como unha competencia tanto estatal como autonómica. Para o Estado o Xacobeo é un acontecemento excepcional de interese público que leva asociada unha forte promoción e divulgación do Camiño de Santiago. Estas medidas non deben estar concentradas no ano xubilar senón que deben promoverse desde as diferentes administracións de maneira continuada.

Antonio Manuel López Miño, letrado da Xunta de Galicia.
Carlos Abuín Flores, letrado da Xunta de Galicia

  •  
    •   Imaxes
    •   Video
    •   Audio

Mesa redonda: A problemática xurídica contenciosa vinculada ao Camiño de Santiago
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Ignacio Sanz Hidalgo define o paso do Camiño de Santiago por Castilla y León como un eixo cultural que atravesa o territorio que aporta activos turísticos, culturais e económicos. Tanto a problemática xurídica actual como o marco legal non teñen nada que ver co peregrino senón que se centra na regulación da xestión do Camiño como un ben cultural con diferentes catalogacións. Fernando J. De la Fuente Ruiz recoñece a falta de problemas xurídicos relacionados co Camiño en Cantabria debido á que a Administración autonómica non o protexeu legalmente. Relata os avances neste eido relacionando o plan especial da costa e o Camiño Lebaniego. Alfonso García Magariños céntrase no Camiño de Santiago como un elemento ambiental que é regulable. A existencia de distintos espazos de protección provoca unha inseguridade xurídica á que se lle une o problema dunha delimitación do Camiño deficiente. José Oreiro Romar define dous tipos de delitos. Aqueles que se refiren á ordenación do territorio son combatidos como un conxunto, mentres que os delitos que se refiren ao patrimonio histórico dan lugar á protección dos bens singulares dentro do Camiño.

José Oreiro Romar, letrado da Xunta de Galicia Alfonso García Magariños, letrado da Xunta de Galicia. Ignacio Sanz Hidalgo, director dos servizos xurídicos da Junta de Castilla y León .
Fernando J. De la Fuente Ruiz, subdirector xeral dos servizos xurídicos de Cantabria

  •  
    •   Imaxes
    •   Video
    •   Audio

A protección europea do Camiño de Santiago
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Nos últimos 15 anos o coñecemento sobre o Camiño de Santiago en Europa aumentou grazas aos labores de promoción, á publicación de libros e á presenza nos medios de comunicación. Comeza a ser considerado como un xerme da idea de Europa, unha arteria que historicamente uniu culturalmente aos diferentes territorios. Por isto, hai un interese común de protección do Camiño por todos os estados polos que transcorre aínda que a súa excesiva fragmentación evitou que se obtiveran os froitos desexados. No ámbito comunitario os organismos que se encargan da protección do camiño son fundamentalmente a UNESCO e o Consello de Europa, que definen os itinerarios culturais europeos.

  •  
    •   Imaxes
    •   Video
    •   Audio

Os delitos no Camiño de Santiago
Mércores, 14 de Abril de 2010.

A maioría dos delitos no Camiño de Santiago maniféstanse sobre os bens inmobles e, sobre todo, hai que ter en conta aqueles que se cualifican como bens de interese cultural. As infraccións máis habituais están relacionadas con actividades edificatorias ao longo do Camiño, coa colocación de cerrados pouco apropiados, coa tala de árbores ou coa pavimentación do camiño. Tamén apareceron algúns casos relacionados coa propiedade intelectual.

  •  
    •   Video
    •   Audio

A protección xurídica do peregrino.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Co aumento das peregrinacións durante o século XI xurdiu a necesidade de facilitar unha serie de comodidades aos peregrinos (creación de hospedaxes, hospitais, mosteiros, abadías...) e evitar os abusos (cobro de pagos por cruzar pontes...). Os peregrinos tradicionalmente gozaron de cinco grupos de dereitos: deber de hospitalidade, dereito de prenda (asimilación da figura do peregrino coa dun comerciante), dereito a pedir esmola e dereito ao xuíz natural. As prendas e aparellos que se portaban servían como demostración de que se estaba a realizar unha peregrinación e que se tiña dereito a gozar destas vantaxes, polo que xurdiu a picaresca. Actualmente a lexislación apunta máis á protección do Camiño que á do peregrino, fai falta unha norma do peregrino como suxeito de dereito e non como usuario. Analízase o capítulo 6, do Decreto 45/2001, que regula as normas de utilización da rede de albergues. Durante os anos santos tamén existen convenios con Protección Civil.

  •  
    •   Video
    •   Audio

A atención sanitaria ao peregrino.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Durante a Idade Media moitos dos peregrinos caían enfermos mentres facían o Camiño de Santiago pola falta de hixiene, o contaxio de enfermidades, as feridas etc. Ante esta situación nacen pequenos hospitais e a figura do hospitaleiro, ademais do Códice Calixtino, onde se recollían numerosas recomendacións. As primeiras asistencias sanitarias aos peregrinos cínguense á recollida do enfermo e a ofrecerlle un lavado de cabeza, un lavado de pés e un corte de pelo. Posteriormente aparece o colectivo de médicos, enfermeiros e farmacéuticos que aplican remedios paliativos, sangrías e plantas medicinais. Na actualidade hai normas que amparan a atención sanitaria ao cidadán e, polo tanto, aos peregrinos. A regulación referida a este colectivo está expresada de forma dispersa en diferentes regulamentos polo que se bota en falta unha norma xurídica que aglutine toda a lexislación existente.

  •  
    •   Video
    •   Audio

A administración creada ao servizo do camiño. Primera Parte.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

O Camiño de Santiago é un eixo de comunicacións de todos os pobos europeos e tamén das diferentes rexións dentro da Península Ibérica que se regula a través de dous tipos de órganos administrativos: os dedicados ao estudo e delimitación do Camiño e os dedicados á protección e fomento do Camiño. Na comunidade galega estas competencias tenas a consellería de Cultura, e dentro da Consellería o órgano competente é a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Para potenciar o Camiño e protexelo existe un conxunto de organismos de apoio, entre os que destacan: o Comité Asesor do Camiño de Santiago, o Consello da Cutlura Galega, Comité internacional de Expertos do Camiño de Santiago e o Consello Regulador do Turismo. Noutras comunidades autónomas polas que pasa o Camiño tamén existen órganos asesores, como é o caso de Asturias, Cantabria, La Rioja, Navarra, Aragón e Castilla y León. Ademais, en Galicia, tamén hai unha administración instrumental ao servizo do Camiño que dá lugar ao nacemento de diferentes institucións.

  •  
    •   Video
    •   Audio

A administración creada ao servizo do camiño. Segunda Parte.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Na Administración estatal as competencias sobre a promoción e a protección do patrimonio tenas o Ministerio de Cultura, e en especial a Subdirección Xeral de Cooperación Cultural coas Comunidades Autónomas e a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico. Todos estes organismos teñen como función o recoñecemento da diversidade cultural, o fortalecemento da cooperación nacional e internacional e a consideración da cultura como un instrumento de crecemento económico e cohesión social. No eido internacional destaca o recoñecemento do Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo, como grande itinerario cultural europeo e como patrimonio mundial. Tamén destaca a colaboración coa Igrexa xa que existe un convenio asinado entre os bispos das dioceses da comunidade autónoma galega e a Xunta para o fomento do patrimonio cultural e artístico. Finalmente, entre as institucións privadas creadas ao abeiro do Camiño, sobresaen a Federación española de Asociacións de amigos do Camiño de Santiago que está formada por numerosas institucións sen ánimo de lucro espalladas por toda España.

  •  
    •   Video
    •   Audio

A regulación do sector turístico en Galicia. Primeira Parte.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

O Camiño de Santiago é un dos maiores atractivos de Galicia, tanto no ámbito nacional como internacional, e por iso promúlganse diversas leis para racionalizar o emprego dos recursos e para fomentar o turismo. A Administración galega ten a competencia na protección e promoción do camiño coa axuda, sobre todo, das entidades locais. O principal organismo encargado destas tarefas é a Secretaría Xeral para o Turismo que pretende conseguir non só atraer viaxeiros senón tamén procurar a modernización e mellora das empresas relacionadas. Destacan catro vías de promoción: as campañas publicitarias ou de difusión, as feiras, o uso das novas tecnoloxías e os convenios de colaboración con outras comunidades autónomas ou con outros estados. Todas estas actividades xestiónanse a través dos diferentes contratos publicitarios.

  •  
    •   Video
    •   Audio

A regulación do sector turístico en Galicia. Segunda Parte.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Explicación da directiva 2006/123/CE que supuxo un fito no proceso de constitución do mercado de servizos, xa que conseguiu a supresión de trámites innecesarios conseguindo o libre establecemento de prestadores e favorecendo a libre circulación de mercadorías. A lei 1/2010, de 11 de febreiro, incorpora esta directiva ao noso ordenamento e, deste xeito, facilita a liberdade de establecemento dos prestadores simplificando os procesos e asegurando un nivel elevado de calidade na prestación de servizos.

  •  
    •   Video
    •   Audio

Estudo do preciso desenvolvemento normativo para a protección do Camiño de Santiago. Primeira Parte.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Análise da distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas no patrimonio cultural e, sobre todo, no referente ao Camiño de Santiago. A Lei do patrimonio histórico dálle ao goberno central case todas as competencias normativas e ás comunidades autónomas as competencias executivas, razón pola que a normativa foi levada ao Tribunal Constitucional. O Camiño de Santiago, ao atravesar diversos territorios do estado, favorece as relacións horizontais entre as comunidades autónomas, aínda que estas poderían ser máis ambiciosas.

  •  
    •   Video
    •   Audio

Estudo do preciso desenvolvemento normativo para a protección do Camiño de Santiago. Segunda Parte.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Análise da normativa relacionada co Camiño de Santiago e que non só serve para garantir a súa protección cultural, senón tamén para explicar as súas características. A lei específica do ano 1996 para a protección do camiño integra os aspectos culturais cos monumentais e urbanísticos que afectan ao trazado. Este texto asume unha delimitación do Camiño e outórgalle distinta protección ao Camiño Francés, aínda que os demais tamén gozan dun certo amparo.

  •  
    •   Video
    •   Audio

Mesa redonda.
Mércores, 14 de Abril de 2010.

Iago Seara Morales explica a evolución das formas xurídicas no referente ao patrimonio e á protección do Camiño de Santiago. Dá conta dos primeiros esforzos por delimitar o trazado e da necesidade de vencellar o planeamento á promoción, comprensión e defensa da cultura. Manuel Antonio Silva Romero relata as particularidades da lei de protección do Camiño de Santiago, facendo fincapé no seu desenvolvemento e nas súas particularidades. Ángel Sicart Giménez valora as leis ditadas durante os anos 90 referidas ao patrimonio e ao Camiño, que son a base fundamental da súa regulación. A pesar de que xa nesas normativas se establecía a necesidade de delimitar correctamente os trazados este requisito segue sen cumprirse. Felipe Arias Vilas resalta a desvantaxe dos camiños con respecto ao Francés, a pesar de que os primeiros teñen máis extensión dentro de Galicia. Na súa opinión, é preciso fomentar o coñecemento do patrimonio desde os centros de ensino e facer ver que o Camiño é algo máis que un traxecto, xa que ten implicacións culturais. José Manuel Rey Pichel fai referencia ás actuacións da Administración neste momento con respecto ao Camiño e pide a colaboración das administracións locais e a concienciación dos cidadáns na protección do patrimonio.

Iago Seara Morales, arquitecto, director xeral de Patrimonio Histórico entre os anos 1991-1993.
Manuel Antonio Silva Romero, secretario do Concello de Val do Dubra, director xeral de Promoción do Camiño de Santiago entre os anos 1993-1996.
Ángel Sicart Giménez, profesor titular do Departamento de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, director xeral de patrimonio entre os ano 1993-2005.
Felipe Arias Vilas, museólogo e director do Museo de Castro de Viladonga, director xeral de Patrimonio Cultural entre os anos 2005-2009.
José Manuel Rey Pichel, arquitecto e director xeral de Patrimonio Cultural na actualidade

  •  
    •   Imaxes
    •   Video
    •   Audio

Clausura
Mércores, 14 de Abril de 2010.

María Isabel Novo Castro, letrada da Xunta de Galicia.
Beatriz Allegue Requeijo, presidenta da Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia.
María Cayetana Lado Castro-Rial, directora da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.
Pablo Figueroa Dorrego, director da Escola Galega de Administración Pública (Egap).
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia

  •  
    •   Imaxes
    •   Video
    •   Audio

SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212