Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A Xunta e a Fegamp colaboran na formación do persoal das entidades locais

    A Escola / Xoves, 15 de Novembro de 2012.

    O Consello da Xunta informou hoxe sobre a evolución do Plan de formación conxunto entre a Escola Galega de Administración Pública, a Fegamp e a Dirección Xeral de Administración Local destinado aos empregados da Administración Local.


    A Xunta, a través da dirección xeral de Administración Local e a EGAP, e a Fegamp puxeron en marcha o Plan de Formación para o ano 2012, e no que vai de ano leváronse a cabo 37 actividades formativas cunha duración de 1.345 horas e 1.040 prazas. Os destinatarios destas actividades son os empregados públicos destinados na Administración Local de Galicia que estean en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou familiar.

    Este Plan de formación para o persoal das entidades locais aposta pola realización de actividades na modalidade de teleformación, as cales supoñen un 62% do total das prazas convocadas. Deste xeito, a EGAP garante o acceso á formación para todo o persoal da Administración local de Galicia, harmonizando o tempo de formación co do traballo e facilitando a conciliación da vida laboral coa familiar.

    Os cursos programados fan referencia a áreas como o urbanismo, dereito, novas tecnoloxías, igualdade ou os recursos humanos, de xeito que a Escola lle ofrece ao alumnado unha formación completa, na que os coñecementos adquiridos teñen a máxima aplicabilidade. Algún dos cursos que se levarán a cabo son referidos a urbanismo, a súa lexislación, planeamento e edificación; xestión de equipos de traballo en entidades de servizos sociais; orzamentos locais; responsabilidade patrimonial; contratación administrativa; o ordenamento e a estrutura institucional da UE; técnico en servizos comunitarios; redes sociais e administración local; e técnicas de xestión de equipos de traballo en entidades de servizos sociais, entre outros

    Outra vertente que se recolle no convenio é a realización de xornadas, seminarios, e conferencias que teñan como obxectivo divulgar contidos básicos sobre a xestión das entidades locais. Por este motivo, a Dirección Xeral de Administración Local, a Fegamp e a EGAP puxeron en marcha un ciclo de xornadas formativas para cargos electos da Administración local dirixido exclusivamente a alcaldes, concelleiros e persoal directivo das entidades locais.

    Outros cursos

    Durante o ano 2012, convocáronse 5 cursos superiores especificamente destinados para a Administración Local, que supuxeron un total de 204 prazas e 682 horas de formación, coma o Curso sobre procedemento expropiatorio, o Curso de Sistemas de Información Xeográfica, o I Curso de formación en Administración Local, o II Curso de Rehabilitación e Revitalización Urbana e o IV Curso superior de formación de técnico na Administración Local.

    Ademais, a través da sinatura de convenios específicos con outras entidades, a Escola puxo en marcha durante este ano os cursos destinados a directivos de asociacións veciñais, coa colaboración da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE). Este último convenio serviu para levar a cabo 5 cursos en cidades galegas co obxectivo de formar directivos, presidentes e secretarios de asociacións veciñais federadas en temas concretos coma o asociacionismo, o procedemento administrativo, as axudas e subvencións, o urbanismo, e o protocolo e organización de actos.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 104 de 1208
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212