Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP publica o Plan de formación do ano 2013 para o persoal da Administración autonómica

    Cursos / Luns, 31 de Decembro de 2012.

    A EGAP reforzará a formación para os empregados públicos da Administración autonómica cun Plan formativo de 14.814 horas e 392 edicións. Vai dirixido especificamente aos empregados públicos e empregadas públicas destinadas na Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen en situación de servizo activo ou en excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar.


    O DOG do 31 de decembro publica o Plan de formación do 2013 para os empregados da Administración autonómica da Xunta de Galicia, elaborado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Este programa formativo dará lugar á convocatoria de 14.829 horas de formación, 15.282 prazas e 393 edicións de cursos.

    Entre os puntos fortes deste programa formativo destacan as actividades relacionadas coas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), as cales están encadradas na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal e coa Certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Por este motivo, no 2013 a Escola convocará tanto cursos coma probas libres para obter a dita certificación, sumando un total de 6.000 prazas.

    Ao mesmo tempo, outro ano máis a lingua galega seguirá constituíndo un eixe fundamental no Plan formativo, consolidando os cursos de linguaxe administrativa galega. Por este motivo, a Escola convocará 33 edicións e 990 prazas nas modalidades online e presencial. Doutra banda, canto aos idiomas estranxeiros, impartiranse clases presenciais de inglés, e mediante teleformación de inglés, portugués e francés; sumando entre todas 34 edicións e 2.700 horas de formación.

    O programa de autoformación:
    Outro dos eixes estratéxicos para crear o Plan do 2013 foi o inicio dunha liña formativa baseada na autoformación, a cal permitirá facer chegar a un maior número de empregados públicos os materiais formativos dos que dispón a EGAP. Durante o próximo ano ofreceranse dentro deste programa cursos relacionados coa calidade na Administración pública, coa regulación normativa das subvencións, coa protección de datos, ou coa normativa relativa ás políticas de igualdade, entre outros.

    Deste xeito, crearase unha nova modalidade que permitirá ao alumnado aprender de maneira autónoma a través de cursos que serán adaptados para permitir a autoaprendizaxe. A diferenza, con respecto das actividades formativas en teleformación, é que o proceso de aprendizaxe non estará guiado pola figura do titor. Cómpre destacar que os coñecementos que se adquiran poderán certificarse mediante a superación dunha proba presencial voluntaria.

    O Plan de formación:
    Este plan formativo xorde da aplicación dunha serie de liñas estratéxicas entre as que destaca a aposta, unha vez máis, pola modalidade de teleformación, xa que esta facilita o acceso á formación daqueles empregados públicos que, pola existencia de barreiras xeográficas ou por dificultades de conciliación da vida laboral e familiar, non poden optar á modalidade presencial; sen esquecer que este tipo de ensinanza permite ofrecer máis formación cun orzamento menor.
    As distintas accións contidas neste plan contribuirán ao aumento da calidade dos servizos públicos que se prestan á cidadanía e incrementarán a capacitación profesional dos empregados das distintas Administracións públicas galegas, promovendo o seu desenvolvemento persoal e facilitando a súa mobilidade e promoción profesional.
  • Recursos
  •   Publicación no DOG do Plan  
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 113 de 1209
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212