Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP incrementou nun 68 por cento as prazas nos plans de formación para os empregados da administración autonómica

    A Escola / Xoves, 12 de Setembro de 2013.

    Rodríguez-Campos presidiu hoxe o Consello Reitor da EGAP, onde presentou o informe de actividades da Escola neste ano 2013, que contará con 743 actividades, case 35.000 prazas e máis de 27.000 horas de formación destinadas aos empregados públicos e a profesionais relacionados con diferentes eidos da Administración Pública.


    As distintas accións contidas no Plan de formación para o persoal da Administración autonómica contribuirán ao aumento da calidade dos servizos públicos que se prestan á cidadanía e incrementarán a capacitación profesional dos empregados públicos, promovendo o seu desenvolvemento persoal e facilitando a súa mobilidade e promoción profesional.

    O Plan de formación para o ano 2013 aposta pola modalidade en teleformación, o inicio dunha liña formativa baseada na autoformación, a continuidade da incorporación dun 25 por cento de contidos prácticos, e o afianzamento da área TIC, xa que un ano máis a EGAP aposta pola formación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), dentro da cal se encadra a Certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

    Ademais, a Escola consolida os cursos de Linguaxe administrativa galega destinados ao persoal da Administración autonómica coa convocatoria de 33 cursos que supoñen 990 prazas. Esta actividade, dividida en nivel medio e superior, pode cursarse tanto na modalidade presencial coma en teleformación, cun total de 33 edicións e 990 prazas.

    Durante o 2013 a EGAP segue impartindo cursos das principais linguas estranxeiras. Na modalidade presencial ofrecerá clases de inglés, e na de teleformación de inglés, portugués e francés. En total, estas actividades suman 34 edicións e 1140 prazas.

    Plan de formación Xustiza

    No ano 2013, a Escola Galega de Administración Pública convocou 23 edicións formativas destinadas ao persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia, que suponen un total de 1.060 prazas e 574 horas de duración.

    As principais novidades deste plan formativo están encadradas na área de específicas do sector competencial e son a execución hipotecaria, cuestións complexas en psiquiatría forense, curso de procedemento contencioso-administrativo e protocolización da intervención urxente do médico forense na investigación da morte e dos delitos sexuais.

    Autoformación

    O programa de autoformación é unha nova modalidade formativa que lle permite ao alumnado aprender de xeito autónomo. A EGAP ofrece diferentes cursos que serán adaptados para permitir unha autoaprendizaxe. Os coñecementos que se adquiran poderán certificarse mediante a realización dunha proba presencial voluntaria. No caso de superala o alumno obterá un certificado de equivalencia que acreditará que este posúe coñecementos suficientes sobre a materia do curso. En total, durante o 2013, as actividades de autoformación sumarán un total de 20 edicións e 1000 prazas.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 186 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212