Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP forma a máis de cen profesionais no eido da avaliación ambiental

    A Escola / Xoves, 13 de Marzo de 2014.

    Máis de cen enxeñeiros asistiron ao curso técnico sobre cambios e novidades lexislativas en materia de avaliación ambiental, posto en marcha grazas a un convenio asinado entre a Escola Galega de Administración Pública e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia.


    Esta mañá a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o decano do CICCP, Carlos Nárdiz, e o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, inauguraron en Santiago de Compostela o curso técnico sobre cambios e novidades lexislativas en materia de avaliación ambiental.

    Durante este acto a directora da Escola destacou a incuestionable relevancia da materia do curso “xa que a protección do medio ambiente e os instrumentos articulados para a súa defensa constitúen un dos ámbitos nos que se constatan maiores novidades desde un punto de vista xurídico e técnico”. Así, esta evolución levou a que “as administracións na actualidade opten por medidas preventivas que tenden a involucrar os particulares na xestión ambiental, pasando a un segundo plano as tradicionais técnicas represivas ou sancionadoras”.

    Pola súa banda, Justo de Benito coincidiu ao salientar o interese que está a amosar a Xunta de Galicia desde o ano 2009 coa axilización dos procedementos nesta materia, “cun proceso no que as administracións pasaron de ser as encargadas de canalizar a iniciativa privada para previr, corrixir ou mitigar as afeccións ambientais inherentes a calquera actuación transformadora do medio físico”.

    Curso técnico sobre cambios e novidades lexislativas en materia de avaliación ambiental

    A EGAP e o CICCP organizan este curso técnico sobre cambios e novidades lexislativas en materia de avaliación ambiental que servirá para analizar a lexislación ambiental que regula a tramitación ambiental de proxectos, plans e programas; xa que esta sufriu cambios fundamentais no mes de decembro, coa publicación de dúas novas leis, de ámbito estatal e autonómico, que modifican tanto o contido da documentación de carácter ambiental coma a tramitación destes traballos ante as administracións públicas.

    Estes cambios lexislativos afectan a proxectos, plans, programas e a apertura ou modificación de actividades existentes, e ademais, a lexislación de ordenación do territorio e urbanismo tamén recolle a tramitación ambiental. Por este motivo, é preciso que os promotores, profesionais e técnicos municipais se formen para coñecer as novidades de man dos técnicos das administracións públicas responsables da súa tramitación.

    Así, esta actividade vai dirixida a técnicos que realicen proxectos ou participen na súa redacción, a promotores interesados en emprender unha actividade ou modificar a existente, a responsables técnicos municipais que queiran ver a aplicación práctica da lexislación recentemente aprobada e a estudantes universitarios que desexen completar a súa formación en temas ambientais.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 240 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212