Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    A Escola asina un convenio coas tres universidades galegas para a formación do PAS

    Cursos / Mércores, 10 de Setembro de 2014.

    A EGAP desenvolverá para este persoal un programa específico e coherente segundo a reforma administrativa que se vén propugnando e que se considera ineludible no camiño da recuperación, sumándose así ás comunidades de Madrid, Castela A Mancha e Baleares.


    Os reitores das tres universidades galegas formalizaron hoxe a sinatura dun convenio de colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para desenvolver actividades de formación. O acordo foi pechado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o reitor da Universidade de A Coruña (UDC), Xosé Luis Armesto, o reitor da Universidade de Vigo (UVIGO), Salustiano Mato, o reitor da Universidade de Santiago (USC), Juan Viaño, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.

    Grazas a esta iniciativa, o persoal de administración e servizos (PAS) das universidades poderá optar a 27 cursos ofertados nas modalidades presencial, teleformación e autoformación. Así, os traballadores das universidades recibirán unha formación equivalente á que a Escola imparte para os empregados das administracións galegas, se ben adaptado á natureza e ao contido das funcións que corresponden ao persoal de administración e servizos.

    Esta medida facilitará a entrada das universidades na dinámica de racionalización e reforma administrativa a través dun programa específico, sumándose así á iniciativa das comunidades de Madrid, Castela A Mancha e Baleares. Deste xeito, o mencionado colectivo accederá a materiais formativos completos e actualizados, o que lles dará a posibilidade de ampliar os seus coñecementos e tamén de adquirir habilidades para aplicar no seu traballo diario novas técnicas e ferramentas, que farán posible prestar os servizos que teñen encomendados con maior axilidade e cunha maior calidade.

    Para conseguir estes obxectivos a Escola ofreceralles materias esenciais tales como técnicas para mellorar a calidade da redacción administrativa, uso de ferramentas informáticas para a xestión do tempo, a e-Administración ou a creatividade como ferramenta de xestión, entre outras.
     
    Nun contexto de restricións económicas, esta acción dirixida pola Xunta de Galicia permite que cada unha das universidades poida ofrecer unha formación homoxénea e de calidade ao seu persoal de administración e servizos sen que lle supoña un custo engadido. A realización destes cursos vai implicar levar ata as súas últimas consecuencias o principio de colaboración institucional e redundará nun incremento da xestión dos recursos ao aproveitar a experiencia e os materiais que normalmente pon a EGAP a disposición dos empregados públicos.

    Ademais, o convenio terá como consecuencia unha maior interacción entre a Escola e as universidades ao comprometerse estas últimas a colaborar na difusión das xornadas, monográficos e cursos superiores da EGAP entre o seu persoal e o seu alumnado. Deste xeito, achegarase unha formación actual e complementaria a un maior número de persoas, fomentando a promoción das actividades e a colaboración entre institucións.

    Plan formativo
    O programa presentado inclúe un total de 27 cursos nos que se tratarán materias esenciais dentro do ámbito administrativo. Así, os empregados das universidades poderán matricularse en títulos relativos á comunicación escrita e elaboración de informes, o uso de ferramentas informáticas para a xestión do tempo, o desenvolvemento de habilidades comunicativas, a administración electrónica, a protección de datos, a interpretación de datos estatísticos ou a motivación dentro das organizacións, entre outros.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 282 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212