Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP acolle unha xornada informativa para os responsables das entidades deportivas galegas

    Xornadas / Xoves, 6 de Novembro de 2014.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inauguraron esta tarde en Santiago de Compostela unha xornada sobre a natureza voluntaria e laboral das actividades desenvolvidas nas entidades deportivas sen ánimo de lucro.


    Durante a inauguración, a directora da Escola destacou “a importancia do tratamento do deporte no desenvolvemento das sociedades e, especialmente, dos individuos e a súa repercusión nos ámbitos da saúde, das relacións sociais e da economía”. Unha boa mostra disto é que só na Unión Europea o deporte implica directa ou indirectamente a uns 15 millóns de postos de traballo, o que significa o 5,4% da poboación activa, ademais dun valor engadido anual de cerca de 400.000 millóns de euros, un 3,65% do PIB europeo.

    Por outra banda, Sonia Rodríguez-Campos considerou a formación das persoas vinculadas ao deporte como “imprescindible para un avance substancial neste eido”. Por este motivo, a xornada celebrada hoxe na EGAP pretende “compartir información de tipo práctico para que coñezan e saiban resolver os problemas que se formulan nos ámbitos laborais e do voluntariado, unha información imprescindible para poder proporcionar unha correcta xestión”.

    Para finalizar a súa intervención, a directora da EGAP quixo resaltar a colaboración establecida entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia, “demostrando unha vez máis que non hai intereses parciais ou departamentais, senón que o que nos guía é un só interese institucional, que non é outro que a satisfacción do interese xeral dende calquera perspectiva ou ámbito de actuación posible”.

    Por outra banda, Ovidio Rodeiro, resaltou a importancia para a sociedade dunha política e acción deportiva propia e así “empoderar e favorecer todo o tecido asociativo vinculado ao deporte”. Ademais apuntou que durante este ano se lograron financiar todos os proxectos de voluntariado xuvenil e o obxectivo é que este financiamento aumente nun 15% no ano 2015.

    Finalmente, José Ramón Lete subliñou que é necesario establecer un marco xurídico que regule aquelas funcións que se enmarcan dentro das relacións do voluntariado deportivo. Ademais, fixo fincapé en que “nin o ánimo de lucro nin a súa ausencia son unha escusa para non someternos aos mercado laboral e á Seguridade Social”.

    Xornada sobre a natureza voluntaria e laboral das actividades desenvolvidas nas entidades sen ánimo de lucro
    A finalidade deste encontro, ao que asistiron máis de 180 responsables de clubs e federacións deportivas galegas, foi facilitar información práctica sobre a normativa en vigor nos ámbitos laboral e de acción voluntaria e actualizar os coñecementos dos axentes deportivos neste eido.

    Esta actividade divulgativa incluíu relatorios especializados sobre o voluntariado deportivo e as relacións laborais no ámbito do deporte, así como unha mesa redonda na que se debateron estes aspectos. A mesa redonda, moderada por Laura Mosquera, subdirectora xeral de Plans e Programas, estivo composta por Marta Gándara, avogada laborista; Cristina Ortiz, directora provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social e Alberto Otero, subdirector xeral de Voluntariado e Participación.

    Esta xornada naceu da labor de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Escola Galega de Administración Pública.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 306 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212