Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP convértese nun foro de debate sobre transparencia e goberno aberto

    Cursos / Xoves, 13 de Novembro de 2014.

    A EGAP acolleu esta mañá o inicio dun curso monográfico sobre transparencia e goberno aberto organizado en conxunto entre este organismo e o Valedor do Pobo, no que se matricularon máis de 150 persoas. Na súa inauguración participaron Sonia Rodríguez-Campos, directora da EGAP; José Julio Fernández, valedor do Pobo; e José Luis Costa, presidente do Consello Consultivo de Galicia.


    Durante este acto, a directora da Escola Galega de Administración Pública incidiu en que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixes de toda acción política. “É fundamental que os cidadáns poidan coñecer baixo que criterios se toman as decisións que lles afectan e como”.

    Nesta liña, “a implantación de medidas de transparencia debe servir para que calquera interesado poida coñecer o volume de gastos e ingresos das nosas administracións, con quen contratan os entes públicos, como e a quen se lle adxudican as subvencións ou canto lle custa ao departamento competente facer unha determinada obra”.

    Ademais, Sonia Rodríguez-Campos quixo resaltar a boa situación da comunidade galega tanto por ter sido unha das pioneiras neste eido coa aprobación no 2006 da Lei de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, como por continuar traballando nesta liña na actualidade a través do proxecto de Lei de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, que establecerá sistemas de consulta aos cidadáns para coñecer as súas prioridades, percepcións e niveis de satisfacción coa prestación dos servizos públicos.

    Finalmente, a directora da EGAP incidiu no feito de que “a transparencia constitúe o punto de partida ineludible para a reforma administrativa por simplificar a Administración para facela sostible, incrementar a eficacia no seu funcionamento e garantir a universalidade dos servizos públicos”.

    Pola súa parte, o valedor do Pobo destacou a importancia de levar a cabo cursos de formación deste tipo, xa que “é necesario que exista un cambio metodolóxico á hora de xestionar os recursos públicos e eliminar as zonas opacas herdadas, que é o que piden ou demandan os nosos cidadáns”.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 308 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212