Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    Un curso da EGAP analiza o marco legal dos eventos deportivos e as súas fórmulas de financiamento público

    Cursos / Xoves, 26 de Febreiro de 2015.

    O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, inauguraron esta tarde o “Curso de eventos deportivos: aspectos legais, organizativos e económicos”, que terá lugar os xoves desde hoxe ata o 16 de abril, no salón de actos da EGAP.


    Na súa intervención de apertura, Sonia Rodríguez-Campos subliñou o incremento da estima social e do peso económico que experimentou o deporte no último medio século, o que leva consigo a proliferación de eventos deportivos e a súa crecente complexidade. En consecuencia, isto fai necesario contar con profesionais formados en todos os aspectos inherentes a este tipo de proxectos, como os administrativos, os lexislativos, os financeiros, os de planificación ou os de márketing, entre outros.

    Pola súa parte, José Ramón Lete Lasa foi o encargado de impartir a primeira sesión do curso, centrada no “Marco legal dos eventos deportivos”. Ao longo do seu relatorio, o secretario xeral para o Deporte repasou as distintas dimensións do feito deportivo -como son a sanitaria, a educativa, a social ou a económica-, a organización do deporte español e os seus niveis público e privado e, en última instancia, o marco normativo do deporte, e tanto as normas propiamente deportivas como as dimanantes doutras materias sectoriais, para rematar coa análise das distintas fórmulas de financiamento público dos eventos deportivos.

    Programa do curso
    O curso que comeza hoxe está promovido pola EGAP coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte e baixo a dirección e coordinación académica do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo. Ademais da asistencia presencial na sede da EGAP en Santiago, pódese seguir mediante videoconferencia nas xefaturas territoriais de Vigo e Ourense.

    Nas seguintes semanas está prevista a participación de expertos no impacto económico do deporte, así como nas cuestións relativas á planificación, á seguridade, á loxística e ás infraestruturas, á comunicación e ao márketing, ao protocolo e ás novas tecnoloxías.

    Así mesmo, responsables de eventos de recoñecido éxito compartirán as súas experiencias na materia, concretamente na organización dos Xogos do Mediterráneo–Tarragona 2017, da Copa do Rei de Baloncesto e da Liga ACB, da Vig-Bay–Medio Maratón Gran Bahía, do Pantin Classic Galicia Pro, e do certame O Marisquiño.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 324 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212