Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    A EGAP convértese durante dous días nun foro de debate sobre as novidades do emprego público

    Xornadas / Xoves, 26 de Febreiro de 2015.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos incidiu hoxe na inauguración do curso sobre as novidades do emprego público na importancia e oportunidade desta actividade formativa, na que se analizarán e debaterán os cambios producidos no réxime do persoal ao servizo das Administracións como consecuencia da crise e, máis en particular, as consecuencias derivadas da aplicación do Estatuto Básico do Empregado Público.


    Na súa inauguración do curso monográfico, “O Estatuto Básico do Empregado Público: reflexións, estado da cuestión e impacto da crise”, participaron a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rei Juan Carlos e membro de Transparencia Internacional España; Manuel Villoria; a directora da Escola de Administración Pública de Cataluña, Montserrat de Vehí, e a profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universitat Autònoma de Barcelona, María José Feijoo Rey.
     
    Neste senso, Sonia Rodríguez-Campos botou en falta que non se levara a cabo a regulación da figura do directivo público profesional prevista na norma, situación que neste aspecto, entre outros, vén a corrixir o proxecto de Lei de emprego público de Galicia aprobado recentemente no Consello da Xunta.
     
    Ademais, Sonia Rodríguez-Campos destacou os esforzos dos gobernos autonómicos en orde á regulación dunha función pública á altura das circunstancias presentes e apta para garantir unha Administración de calidade, e nesta liña subliñou a idoneidade do proxecto antedito e da súa pretensión de “converter a nosa comunidade nunha das primeiras en adaptar a normativa estatal”.
     
    A continuación, Manuel Villoria ofreceu unha conferencia inaugural centrada na importancia da implantación dunha cultura ética dentro da Administración. Deste xeito, apuntou, facilitaríase a creación de “marcos de integridade ante aqueles incentivos e oportunidades que poidan provocar prácticas inmorais”.
     
    Durante a súa exposición, o catedrático tamén quixo resaltar os datos sobre corrupción funcionarial, que reflicten un baixo nivel de corrupción entre os empregados públicos en España, moi similar ao rexistrado nos países do centro de Europa. Esta situación contrasta coa elevada percepción de corrupción que ten a cidadanía o que vén acompañado dunha gran desconfianza nas institucións. 

    A sesión continuou coas exposicións de Tomás Sala Franco sobre as normas e problemas que se formulan no acceso do persoal laboral ao emprego público e de María José Feijoo Rey sobre a mobilidade xeográfica. Xa pola tarde, Santiago González Ortega, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Pablo Olavide de Sevilla, falará sobre as recentes reformas levadas a cabo neste eido debido á crise e ao control do gasto público. Ademais, intervirá tamén Jesús Mercader Ugina, catedrático de Dereito do traballo e da Seguridade Social da Universidade Carlos III de Madrid, que ofrecerá un relatorio sobre a extinción colectiva.
     
    O curso monográfico continuará o venres coas intervencións de José María Barreiro Díaz, director xeral da Función Pública; Jesús Martínez Girón, catedrático de Dereito do Traballo da UDC; Alberto Arufe Varela, profesor titular de Dereito do Traballo da UDC; e María Dolores Galindo Gil, maxistrada especialista do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 323 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212