Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    A EGAP clausura un curso sobre o marco legal dos eventos deportivos

    Cursos / Xoves, 16 de Abril de 2015.

    O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, clausuraron esta tarde o “Curso de eventos deportivos: aspectos legais, organizativos e económicos”, o cal se celebrou simultaneamente en Santiago de Compostela, Vigo e Ourense a través da modalidade de videoconferencia.


    Na súa intervención, Sonia Rodríguez-Campos subliñou que “esta actividade achega un gran valor engadido ao tratamento dunha temática que, pola súa repercusión e pola súa actualidade, debe ser obxecto dun estudo diferenciado”. Ademais, destacou que “a innovación ten que ser a clave de todo centro de formación e a EGAP quere, en todo momento, avanzar na análise daquelas materias novidosas e da forma en que estas se expoñen”.
     
    Por outra parte, a directora da Escola fixo fincapé na necesidade de ofrecer cursos específicos desta materia debido a que “hoxe en día a organización de eventos deportivos non implica unicamente a programación dunhas actividades de lecer, exercicio físico ou o desenvolvemento de actos máis ou menos festivos; senón que do grande avance que se vén producindo neste sector xorde a necesidade de formar profesionais que xestionen con eficacia e eficiencia cada un dos aspectos organizativos do deporte”.

    O curso que rematou hoxe foi promovido pola EGAP coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte e baixo a dirección e coordinación académica do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo. Ademais da asistencia presencial na sede da EGAP en Santiago, puido seguirse mediante videoconferencia nas xefaturas territoriais de Vigo e Ourense.

    Durante todas estas semanas impartiron docencia expertos no impacto económico do deporte, así como nas cuestións relativas á planificación, á seguridade, á loxística e ás infraestruturas, á comunicación e ao márketing, ao protocolo e ás novas tecnoloxías. Así mesmo, responsables de eventos de recoñecido éxito compartiron as súas experiencias na materia, concretamente na organización dos Xogos do Mediterráneo–Tarragona 2017, da Copa do Rei de Baloncesto e da Liga ACB, da Vig-Bay–Medio Maratón Gran Bahía, do Pantin Classic Galicia Pro, e do certame O Marisquiño.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 345 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212