A EGAP prepárase para celebrar o Día das Letras Galegas
A Escola / Luns, 11 de Maio de 2015.
A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas de 2015 ao polígrafo pontevedrés Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). A EGAP, como institución pública galega, súmase á homenaxe deste galego insigne organizando un acto literario e unha viaxe de interese cultural.
O día 17 de maio, terá lugar unha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu unha boa parte da vida do autor agasallado. O programa e o percorrido poderanse consultar na páxina web da EGAP. A visita será guiada polo historiador de arte e arqueólogo Felipe-Senén López Gómez.
O día 18 de maio, ás 11.00 horas, no salón de actos da EGAP, o profesor Luis González Tosar pronunciará unha conferencia sobre a figura, vida e obra de Xosé Filgueira Valverde.
No acto literario poderá participar o persoal das administracións públicas e calquera outra persoa interesada. Á viaxe cultural terá acceso só o persoal ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia (ata 55 prazas). No caso de se presentaren máis solicitudes que prazas, terá preferencia o persoal da Xunta de Galicia.
Para a selección teranse en conta a data e a hora de entrada da solicitude no seguinte enderezo electrónico novas.egap@xunta.gal, sempre de acordo coa preferencia sinalada no parágrafo anterior.
As solicitudes, segundo o modelo oficial que figura ao final da convocatoria, irán dirixidas á directora da EGAP, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela; e presentaranse no Rexistro Xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
As solicitudes deberán entrar antes das 24.00 horas do día 14 de maio.