Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP apela á responsabilidade compartida das administracións, empresas e sociedade para loitar contra as actuacións urbanísticas ilegais

    Xornadas / Luns, 30 de Novembro de 2015.

    A EGAP acolleu hoxe a inauguración do curso monográfico "Administración, empresa e urbanismo sustentable", que terá lugar na sede deste organismo durante dous días. Destacados expertos a nivel nacional e internacional dos ámbitos académico, xudicial e administrativo debaterán sobre os principais problemas urbanísticos, afondando sobre as consecuencias sociais, ambientais, económicas e empresariais.


    Na súa inauguración participaron a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), José Antonio Cerdeira, e o director da Rede Empresa e Administración, César García Novoa.

    Durante a súa intervención, a directora da EGAP resaltou a importancia de que as administracións, as empresas e a sociedade en xeral tomen conciencia colectiva “para non dar tregua ao feísmo e ir da man para loitar, todos xuntos, contra as actuacións urbanísticas ilegais”.

    Para Sonia Rodríguez-Campos, o urbanismo “é unha tarefa de todos: todos somos responsables da construción do noso territorio e non podemos eludir a nosa responsabilidade, cadaquén no seu eido”. Nesta liña sinalou que “entre todos temos que apostar por un urbanismo sustentable que non atente contra o medio e que ten como fin último, nin máis nin menos, conseguir un lugar mellor para vivir agora e no futuro”.

    Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, apostou por impulsar un urbanismo sustentable e responsable, un obxectivo que precisa da implicación de toda a cidadanía. “Debemos reforzar a idea de que preservar o noso territorio, ao mesmo tempo que o facemos compatible co seu aproveitamento para a actividade humana, é un labor de todos”, subliñou.

    Sen embargo, segundo resaltou Mato, “actuar unicamente no eido da concienciación sería insuficiente”. De aí que o Goberno galego estea a impulsar o desenvolvemento normativo necesario para dotar a Galicia dun marco xurídico actualizado e de calidade, deseñado para dar resposta ao reto do desenvolvemento sostible.

    Ata o de agora, téñense conseguido diversos avances como o Plan de ordenación do litoral, aprobado en 2011; as Directrices de ordenación do territorio, ratificadas tamén hai catro anos; ou o desenvolvemento das Directrices da paisaxe, nas que se está a traballar nestes momentos.

    A todos estes traballos hai que engadir o texto “máis importante”: o proxecto de Lei do Solo, que agora mesmo se atopa en trámite parlamentario. “Esta Lei vai marcar un antes e un despois para a paisaxe e o territorio de Galicia e vai contribuír á consolidación dun urbanismo responsable e sostible”, explicou a conselleira.

    Por la súa banda, o director da Rede Empresa e Administración, César García Novoa, destacou a gran resposta que espertou este curso monográfico, cunha participación de preto de 300 persoas.

    O primeiro dos relatorios foi pronunciado por Ángel Menéndez Rexach, catedrático de Dereito administrativo da Universidade Autónoma de Madrid, que se centrou na protección do litoral: a incidencia do dereito da Unión Europea. A continuación, celebrouse unha mesa redonda sobre a ordenación do territorio e sustentabilidade na Unión Europea: unha perspectiva desde a actuación empresarial. Nela participaron o profesor de Xeografía da Universidade de Santiago, Rubén C. Lois González; o profesor de Dereito administrativo da Universidade de Salento, Massimo Monteduro; o profesor de Dereito administrativo da Universidade de Granada, Leonardo Sánchez Mesa, e o director de Breeam, Óscar Martínez Lamigueiro.

    A xornada de hoxe comezará coa participación do catedrático de Dereito administrativo de Alcalá de Henares, Martín Bassols, sobre actividade empresarial e urbanismo, e rematará cunha invitación ao debate ao redor dunha mesa redonda centrada na intervención administrativa na actividade das empresas relacionadas co urbanismo e a ordenación do territorio, na que participarán o profesor Giovanni Maria Caruso, da Universidade de Calabria como moderador e Mateo Silos Ribas, subdirector de Análise Económica da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC); César García Novoa, catedrático de Dereito financeiro e tributario da Universidade de Santiago; Elena Mancha Montero, inspectora de traballo, e Antonio López Díaz, catedrático de Dereito financeiro e tributario da Universidade de Santiago.

    Segundo día do curso monográfico
    A participación cidadá en urbanismo e as posibles respostas ás críticas desde as instancias europeas serán analizadas no primeiro dos relatorios do martes por Juan Antonio Chinchilla Peinado, profesor de Dereito administrativo da Universidade Autónoma de Madrid. A continuación, celebrarase unha mesa redonda sobre urbanismo e accións públicas na que intervirán o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Luis Villares Naveira; o letrado do Tribunal Supremo, Álvaro Jiménez Bueso, e o xerente de Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Ávila, José Manuel Núñez Jiménez.

    O curso rematará mañá pola tarde coa celebración dunha mesa redonda sobre a incidencia da anulación do plan nos dereitos e intereses dos cidadáns coa participación do maxistrado do contencioso-administrativo de Ourense, Francisco Cominges de Cáceres; o profesor de Dereito administrativo da Universidade de Santiago, Luis Míguez Macho, e o subdirector da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), José María Domínguez Blanco.

    O curso monográfico "Administración, empresa e urbanismo sustentable" está organizado pola Rede Empresa e Administración da Universidade de Santiago, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e o Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público (OIRESP) e conta coa colaboración da EGAP.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 420 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212