Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    Catrocentas persoas reúnense na EGAP para debater ao redor das novas leis que regulan a Administración pública

    Cursos / Mércores, 8 de Xuño de 2016.

    A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) iniciou esta mañá en Santiago de Compostela un curso monográfico de dous días centrado nas novidades das leis 39/2015, do procedemento administrativo común e 40/2015, do réxime xurídico do sector público ao que asisten 400 persoas.


    Na inauguración participaron a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, o director da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, Manuel Pillado. Rodríguez-Campos sinalou a importancia de ofrecer formación especializada sobre esta lexislación, que regula os aspectos básicos do procedemento e da organización da Administración. Deste xeito, os empregados públicos poderán actualizar os seus coñecementos neste novo marco legal. Neste sentido, lembrou que a Escola tamén conta, dentro do seu programa de autoformación, con dous cursos en aberto relacionados con estas normativas, destinados aos empregados públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

    O primeiro relatorio correu a cargo de Germán Fernández-Farreres, catedrático de Dereito administrativo da Universidad Complutense de Madrid, que analizou en profundidade as novidades introducidas pola Lei do procedemento administrativo común. Durante a súa intervención destacou a integración neste texto da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Por outra banda, ao fío dos diferentes trámites e fases do proceso administrativo, quixo resaltar as novidades da lei para así reflexionar sobre o seu alcance, tales como os cambios no cómputo dos prazos, a distinción entre as causas de desestimento e as causas de inadmisión ou a incorporación da suspensión automática, entre outras.
     
    A continuación, Luis Martín Rebollo, catedrático de Dereito administrativo da Universidad de Cantabria, falou sobre os aspectos máis significativos da Lei do réxime xurídico do sector público, texto legal encargado de regular os principios de actuación, funcionamento e estrutura das administracións. Destacou que esta normativa se configura como un fito importante e como parte central do Dereito administrativo. A grande novidade da lei supón a división entre os aspectos internos e os externos do sistema, xunto con numerosos cambios de menor entidade.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 490 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212