Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A directora da EGAP informa ao Consello Reitor sobre as actividades levadas a cabo na Escola en 2017

    A Escola / Xoves, 20 de Xullo de 2017.

    Esta mañá reuniuse en Santiago de Compostela o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, onde a directora do centro, Sonia Rodríguez-Campos, presentou un informe sobre as actividades levadas a cabo por este organismo entre os meses de xaneiro e xullo e informou sobre as que se celebrarán ata o final do ano.


    Nestes primeiros meses de 2017, a EGAP convocou 651 actividades formativas e 30.759 prazas destinadas tanto aos empregados das diferentes administracións públicas galegas como á sociedade en xeral. No relativo á oferta para o persoal da Administración autonómica, a directora destacou a convocatoria de 386 cursos sobre temáticas tan variadas como o réxime xurídico da Administración pública, a Unión Europea, a organización do traballo, a administración electrónica ou as tecnoloxías da información e da comunicación, entre outras.

    Ademais, fixo referencia aos 33 cursos e 1.445 prazas convocadas para o persoal da Administración de xustiza, aos 27 cursos e 1275 prazas destinadas ao persoal de administración e servizos das universidades galegas e aos 31 cursos e 1460 prazas para o persoal da administración institucional e entes instrumentais do sector público de Galicia. Finalmente deu conta das 84 materias e 8400 prazas do programa de autoformación que no que vai de ano rexistraron 13.511 solicitudes.

    Sonia Rodríguez-Campos tamén quixo resaltar a formación ofrecida ao persoal da Administración local que se realiza a través de dúas vías: directamente pola Escola ou a través de subvencións. De xeito directo a EGAP convocou no que vai de 2017 un total de 51 cursos e 2007 prazas. No relativo ás subvencións, van permitir poñer en marcha un total de 11 plans formativos deseñados especificamente polas entidades locais para o seu persoal.

    A continuación, Sonia Rodríguez-Campos anunciou aos membros do consello as novidades editoriais da Escola -dando conta dos últimos números publicados da Regap e de Administración&Cidadanía- e a próxima convocatoria da XX edición do Premio Manuel Colmeiro, co fin de fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e instrumentais do sector público de Galicia.

    As xornadas e os cursos monográficos da EGAP
    Durante o Consello Reitor, a directora tamén informou sobre a convocatoria regular de xornadas e cursos monográficos relativos a temas de relevancia para a Administración pública e abertos a toda a cidadanía durante o ano 2017. De entre estas actividades destacou o monográfico sobre os 60 anos da Unión Europea, o curso superior sobre a nova lexislación administrativa básica ou a xornada sobre a Lei de accesibilidade de Galicia.

    Ademais, fixo fincapé nas próximas actividades que se levarán a cabo dentro desta categoría formativa, destacando o curso monográfico “Faite entender: a comunicación positiva e a arte de ler entre liñas”, que terá lugar en setembro, e a xornada sobre “A problemática urbanística actual dos concellos”, que se celebrará en novembro.
     
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 601 de 1198
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212