A EGAP PUBLICA A RESOLUCIÓN DE CONCESIÓN DOS PREMIOS DO CONCURSO DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2026
A Escola / Mércores, 4 de Novembro de 2026.
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) publicou hoxe a listaxe dos nenos e nenas premiados no Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas convocado este ano.
Con este concurso preténdese incentivar a creatividade literaria a través do uso da lingua galega. Neste senso, constitúe unha ferramenta máis para concienciar a persoas de todas as idades sobre a necesidade de fomentar a dinamización da nosa lingua e de coñecer e divulgar a cultura que se transmite dunha xeración a outra.
Este premio é un exemplo máis do compromiso que ten a Escola Galega de Administración Pública coa lingua e o labor que lle corresponde de difusión e normalización do idioma galego na Administración Pública.
As persoas gañadoras son nenas e nenos con veciñanza administrativa nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia e idades comprendidas, en función das dúas categorías previstas, entre os 9 e os 11 anos e os 12 e os 14 anos.