Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP presenta un plan de formación para o ano 2018 con forte presencia das actividades en teleformación e autoformación

    A Escola / Mércores, 27 de Decembro de 2017.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, informou esta mañá sobre as actividades do organismo no 2017 e anunciou o programa previsto para o próximo ano. 


    Durante a presentación, Sonia Rodríguez-Campos incidiu en que o plan de formación de 2018 mantén o seu catálogo de módulos formativos co propósito de achegar a súa actividade ao maior número de persoas apostando polas modalidades de teleformación e autoformación, pero sen deixar de lado a presencialidade en todos os cursos que a precisen por razón da materia.

    Como vén sendo regra xeral desde 2016, o plan presentado hoxe estará dirixido a todos os colectivos de empregados públicos da Comunidade Autónoma: ao persoal ao servizo da Administración autonómica, da Administración de xustiza de Galicia, das entidades locais galegas, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional e ao persoal de administración e servizos das tres universidades galegas. Para todos eles está prevista durante 2018 a convocatoria de 507 edicións formativas e 24.984 prazas. Esta cifra verase incrementada coa convocatoria extraordinaria daqueles cursos que rexistren máis solicitudes, dotada dun mínimo de 110 edicións e 4.100 prazas.

    Durante a presentación, a directora da EGAP destacou como novidades para 2018 a reorganización do plan de formación, que permitirá unha formación común en idiomas, ofimática e autoformación para todos os empregados públicos; a descentralización das probas presenciais dos cursos de autoformación e ofimática para facilitar o acceso á formación dos empregados públicos e o incremento da oferta de cursos de lingua galega.

    Grazas a todo o anterior, resaltou Sonia Rodríguez-Campos, a Escola afiánzase como un centro aberto a todas as persoas interesadas en formarse e nunha peza imprescindible para acadar unha Administración de calidade, eficaz e eficiente no cumprimento dos fins de interese xeral que ten asignados.

    Ao igual que en anos anteriores, a EGAP propón un programa formativo que integra os cursos dirixidos aos distintos colectivos de empregados públicos da Comunidade Autónoma, vertebrándose nuns obxectivos de mellora e modernización comúns e, ao mesmo tempo, atendendo ás necesidades concretas de cada colectivo.

    Cursos superiores e cursos monográficos

    Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos fixo referencia aos cursos superiores e cursos monográficos previstos para os próximos meses. De entre eles destacou a celebración de cursos superiores sobre a nova lexislación administrativa básica, a administración electrónica ou a contratación pública de innovación; e de cursos monográficos sobre planificación estratéxica, a nova Lei de contratos do sector público ou transparencia e protección de datos.
     
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 634 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212