Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP aproba un código ético e de boas prácticas para as súas revistas científicas

    Publicacións / Martes, 23 de Xullo de 2019.

    Esta mañá reuniuse na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) o consello de redacción da Revista Administración&Cidadanía (A&C), dirixida por Sonia Rodríguez-Campos, coa finalidade de aprobar o código ético e de boas prácticas da revista e o contido do número 1 do volume 14. 


    Tal e como destaca o texto presentado hoxe, o dito código ético e de boas prácticas pretende servir como guía de actuación para os principais axentes involucrados na publicación de artigos científicos das revistas da EGAP: equipos editoriais, autores e avaliadores dos traballos. Esta medida, xunto coa próxima transformación das revistas a un formato electrónico, permitirá mellorar a súa catalogación nas principais bases de datos de publicacións científicas, aumentar a transparencia en todo o proceso e facer máis accesibles os contidos á cidadanía.

    A través desta iniciativa garantirase que os artigos enviados sexan avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido, amosando deste xeito o compromiso da Escola coa imparcialidade na xestión dos traballos propostos e o respecto á independencia intelectual dos autores. Ademais, a EGAP comprométese a velar pola confidencialidade dos traballos, de xeito que a súa identidade non poderá ser revelada a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial ou dos órganos da revista.

    Doutra banda, o texto aprobado hoxe garantirá que as revistas conten con bases de datos de avaliadores de recoñecido prestixio alleos tanto á Comisión editorial como á entidade editora da revista, os cales se comprometen a rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir os prazos establecidos na normativa da revista.

    Finalmente, o dito código ético tamén compromete aos autores a enviar traballos que presenten investigacións orixinais sobre temas claramente identificables, co anuncio de que a detección de calquera tipo de plaxio implicará o arquivo do traballo ou a súa retirada.

    O próximo exemplar de Administración&Cidadanía
    O número 1 do volume 14 de Administración&Cidadanía, que estará dispoñible de xeito gratuíto na web da EGAP nas próximas semanas, incluirá varios artigos nos que se analizará polo miúdo a reforma do actual modelo territorial. Así, autores coma Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da USC, ou Vicente A. Sanjurjo Rivo, profesor de Dereito Constitucional da USC, falarán sobre a reforma do Senado. Ademais, Adoración Galera Victoria, profesora titular de Dereito constitucional da Universidade de Granada; Xavier Torrens Ilambrich, profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Barcelona; e Antonio Pérez Miras, profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Granada, tratarán a cuestión territorial desde o punto de vista do federalismo.

    O último número de Administración&Cidadanía completarase cunha recensión sobre o libro de Alejandro Turnes Villanueva Las Cortes Generales.  
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 783 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212