Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    O Consello Reitor da EGAP aproba o Plan de formación para o ano 2020

    A Escola / Xoves, 19 de Decembro de 2019.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, informou esta mañá ao Consello Reitor do dito organismo sobre o programa formativo previsto para o próximo ano, que incluirá máis de 28.300 prazas para persoal empregado público e que será publicado no DOG nos próximos días.


    En concreto, o Plan de formación presentado para 2020 suporá a convocatoria dun total de 580 actividades formativas e 28.377 prazas dirixidas ao persoal da Administración autonómica, local e de xustiza, ao persoal de administración e servizos das tres universidades galegas e ao persoal ao servizo das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia. Ao igual que en anos anteriores e co propósito de achegar a actividade ao maior número de persoas posible, o Plan fomentará a docencia en modalidades non presenciais, coa inclusión –ademais da teleformación e da autoformación- dun curso en telepresenza.

    Durante a presentación, Sonia Rodríguez-Campos destacou un novo incremento das actividades relativas a igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, en parte derivado da elevada demanda que tiveron os cursos en 2019. Así, estas materias suman dentro do Plan de 2020 un total de 55 edicións formativas e 2.738 prazas a través de títulos coma Atención integral en violencia de xénero ou O enfoque de xénero no deseño, execución e avaliación de plans, programas e proxectos, entre outros.

    Outra das novidades destacadas pola directora da EGAP foi a especial atención do Plan a materias de actualidade e relevantes para a Administración coma o Xacobeo 2021, a Axenda 2030 ou a Lei de administración dixital de Galicia. Ademais, a programación do próximo ano incidirá de xeito especial na formación de tipo práctico en materias coma a contratación pública, o procedemento administrativo ou a administración electrónica, disciplina esta última na cal se incluíron cursos sobre aplicacións específicas da Xunta de Galicia.

    Ademais a directora do organismo confirmou a continuidade do Plan formativo ofimático de Galicia, do Programa de autoformación, dos cursos relacionados coa mellora das habilidades persoais e do Programa de idiomas que en 2020 incluirá como novidades un curso de conversa en alemán e un curso de inglés técnico xurídico para o sector público.

    O programa previsto para 2020 tamén contará cun reforzo da formación en materias específicas, con 43 edicións adicionais e máis de 1.500 prazas nas que se inclúen actividades relacionadas coa Oficina de atención á cidadanía en materia de rexistro, unha formación específica dirixida ao persoal das oficinas de emprego para contribuír ás políticas activas de emprego da Xunta de Galicia, o reforzo das materias do ámbito social (protección da infancia, discapacidade, dependencia,...) e actividades en materia de saúde pública e deporte, de demanda crecente.

    Cursos superiores, cursos monográficos e xornadas
    Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos fixo referencia aos cursos superiores, cursos monográficos e xornadas previstos para os próximos meses. De entre todos eles destacan a celebración dos cursos monográficos Estratexias para a eliminación de estereotipos de xénero no exercicio da actividade profesional ou As leis do procedemento administrativo común e de réxime xurídico do sector público: balance e retos pendentes; do curso superior Xestión de organizacións deportivas: retos e desafíos de clubes, federacións e asociacións; das xornadas Os escenarios do Brexit ou Como loitar contra a aporofobia o odio e a desinformación desde a Administración pública; e a continuidade dos E-martes.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 828 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212