Corenta inspectores ambientais inician na Escola un curso superior para actualizar os seus coñecementos na materia
Cursos / Luns, 14 de Marzo de 2022.
Esta mañá deu inicio na Escola Galega de Administración Pública a terceira edición do Curso superior de inspección ambiental de Galicia dirixido a afondar no coñecemento da actividade de inspección ambiental, tanto desde unha perspectiva técnico-xurídica como desde unha perspectiva práctica. Ademais, o dito curso superior formará aos asistentes no coñecemento da normativa e dos procedementos de inspección ambiental e, de maneira específica, nas actividades de prevención e control integrado da contaminación (IPPC) no campo industrial e no de residuos.
A través desta actividade formativa a Escola quere dotar o alumnado, composto por 40 inspectores e inspectoras ambientais, dos coñecementos e das habilidades necesarias para exercer as súas funcións adaptándose ás novas exixencias e cambios producidos nos últimos anos; ademais de abordar o réxime de responsabilidade ambiental e de emerxencias do Plan Camgal.
O curso, de 50 horas lectivas, terá lugar nunha modalidade mixta que conxuga as sesións presenciais coa docencia virtual a través da telepresenza. Durante ese tempo o alumnado ademais de estudar a correspondente normativa da materia tamén aplicará o aprendido grazas a unha importante carga lectiva de tipo práctico. Deste xeito, garantizarase que os contidos impartidos lles permitirán exercer mellos as súas funcións, adaptándose ás novas esixencias e cambios producidos nos útlimos anos.