Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A Xunta avoga por unha administración transparente, aberta e accesible para a cidadanía

    A Escola / Luns, 20 de Marzo de 2023.

    Esta mañá tivo lugar na EGAP a inauguración da Semana da Administración Aberta, na que participou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, acompañado do director xeral de Simplificación Administrativa, Jesús Oitavén e da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, que servirá para dar a coñecer á cidadanía en xeral, e aos rapaces en particular, o funcionamento do Goberno autonómico. Tras o acto inaugural, o catedrático de Dereito Administrativo Jaime Rodríguez-Arana ofreceu unha conferencia sobre o dereito cidadán á boa Administración. 


    Neste marco, Miguel Corgos explicou que a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración, son os principios que sustentan o Goberno Aberto. Así mesmo, destacou que a administración debe ser capaz de lograr que os cidadáns poidan apreciar como a boa xestión converte os recursos captados a través dos tributos, en bens e servizos de calidade.

    O conselleiro tamén apuntou que a pandemia ofreceu a oportunidade de progresar como país, de medrar ante as adversidades e confirmou o peso e a importancia das novas tecnoloxías en tódolos eidos, de xeito que a evolución tecnolóxica recente e a crise sanitaria fortaleceron o uso da interacción intelixente entre a cidadanía e a administración.

    Sinalou ademais que, as administracións deben aproveitar isto para formular novas políticas públicas, pois de maneira simultánea ao proceso tecnolóxico, a sociedade aumenta a súa de demanda de servizos, tanto desde a vertente cuantitativa como na cualitativa. Ante unha sociedade cada vez máis esixente e mellor informada, o reto da administración debe ser xerar confianza, tanto cara á cidadanía como cara ao tecido produtivo.

    Neste sentido, Miguel Corgos subliñou que a obriga da administración pública, é facer un esforzo por garantir a atención integral dos cidadáns, buscando as canles máis axeitadas para facer efectivos os seus dereitos e traballar con sensibilidade prestando atención a aqueles colectivos que, pola súa diversidade social, idade, situación económica, discapacidade, ou vulnerabilidade, teñan especiais dificultades para
    relacionarse coas administracións públicas.

    Finalmente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública puxo en valor a planificación estratéxica da Xunta que ten tres prioridades: lograr unha boa administración, que avance na prestación de servizos e na xeración de valor para todos os galegos e galegas; unhas finanzas sustentables para lograr un crecemento san; e un reforzo do autogoberno e a coordinación interadministrativa.

    Pola súa banda, directora da EGAP cualificou as actividades da Semana de Administración aberta como unha oportunidade de achegarnos de xeito diferente ás administracións, de coñecer mellor a prestación dos servizos públicos e, á súa vez, de analizar os desafíos dos gobernos nesta materia.

    Durante a súa intervención, Sonia Rodríguez-Campos destacou o traballo da Xunta de Galicia nos últimos anos en materia de transparencia e goberno aberto e incidiu na importancia da formación nos contextos de cambio, xa que esta posibilita que o persoal empregado público conte coa capacitación necesaria para aplicar as diferentes normativas con rigorosidade e, á súa vez, permítelle incrementar a sensibilización en materia de integridade institucional e ética pública.

    Tras o acto inaugural o catedrático de Dereito Administrativo Jaime Rodríguez-Arana ofreceu unha conferencia sobre o dereito cidadán á boa Administración.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1104 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212