Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A Escola reforza a formación en competencias dixitais dos empregados públicos

    Cursos / Martes, 12 de Setembro de 2023.

    Esta mañá deu inicio o Curso superior de Administración electrónica, unha actividade deseñada para reforzar a formación en competencias dixitais do persoal empregado público galego. 


    Este curso, convocado pola Escola Galega de Administración Pública e en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, formará a 70 persoas sobre o desenvolvemento normativo que regula a administración dixital e as súas ferramentas. O obxectivo é mellorar as competencias dos empregados públicos nesta materia, para que poidan asumir con facilidade novos procedementos de traballo e conseguir unha Administración máis eficiente, transparente e accesible.

    Así o expresou a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, durante a inauguración da actividade, na que tamén incidiu no elevado peso que ten a formación en competencias dixitais dentro dos plans formativos da Escola, a cal conta cunha ampla programación nesta área, tanto para o persoal das administracións como para a cidadanía. Neste senso, destacou os e-martes, xornadas de formación práctica presencial dun día de duración sobre as transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da administración electrónica que se convocan de xeito frecuente.

    Durante as sete semanas de docencia, o curso superior iniciado hoxe afondará en materias específicas como o réxime xurídico da administración dixital, o funcionamento da sede e o rexistro electrónicos, a seguridade da información, a cooperación interadministrativa, a automatización dos procesos ou a identidade dixital, entre outros. Todos estes contidos contribuirán a mellorar o servizo ofrecido polo persoal empregado público á cidadanía.  
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1149 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212