Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP presenta un plan de formación con importantes novidades nas áreas de igualdade e novas tecnoloxías

    A Escola / Xoves, 21 de Decembro de 2023.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, presentou esta mañá ante o Consello Reitor do organismo o Plan de formación do persoal empregado público para o ano 2024, no cal se inclúen importantes novidades nas áreas de igualdade e novas tecnoloxías.


    A través deste plan, e dentro da convocatoria específica sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, impartirase unha formación de 150 horas sobre a integración da perspectiva de xénero na práctica administrativa ademais de novos cursos sobre atención psicolóxica das mulleres vítimas de violencia de xénero, detección da violencia de xénero na muller maior, xestión da diversidade sexual e de xénero ou prevención da LGTBI fobia.

    Na área de novas tecnoloxías ofertarase un programa de actividades completo e específico que abordará materias como a intelixencia artificial, a administración electrónica, a ciberseguridade ou a robotización aplicada á xestión pública. Ademais, convocaranse as sete actividades correspondentes ao nivel de iniciación da Certificación galega en competencias dixitais (ComDix).

    O plan do ano 2024 tamén inclúe dous cursos de nivel superior de lingua inglesa, novos títulos en materia de economía pública -que se convocarán ao abeiro do Instituto de Economía Pública de Galicia-, e formación dirixida a procurar o benestar laboral con cursos específicos sobre coidado da saúde, relacións saudables e produtivas no traballo ou deseño de plans de benestar para o ámbito laboral.

    Finalmente, este programa formativo contará ademais con novidades formativas relevantes, tanto desde o punto de vista dos contidos coma da proxección práctica, na área de réxime xurídico e coa actualización de máis do 50% dos contidos na área de formación específica.

    En total estas actividades suporán a convocatoria ao longo do próximo ano de 592 cursos e 36.664 prazas, dirixidas en exclusiva ao persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como ao persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).

    Cursos superiores, xornadas, webinarios e foros de debate
    Durante a reunión Sonia Rodríguez-Campos tamén anunciou a continuidade das xornadas de formación práctica dixital (e-martes) e dos cursos superiores de administración electrónica, protección de datos e ciberseguridade.

    Ademais, a Escola tamén convocará proximamente un foro de debate sobre a Constitución e o Dereito no novo contexto socio-político, varias xornadas descentralizadas dirixidas ao persoal das entidades locais e novos webinarios en materia de emprego público, novidades lexislativas e outras cuestións de actualidade no ámbito da Administración pública.

    En 2024 tamén se impartirán novamente cursos superiores sobre xestión de eventos deportivos, sobre urbanismo e sobre planificación estratéxica.  
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1172 de 1224
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212