Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A Xunta destaca o papel dos profesionais do urbanismo para o desenvolvemento territorial e paisaxístico sostible, responsable e ordenado de Galicia

    A Escola / Xoves, 22 de Febreiro de 2024.

    A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou esta mañá o Curso superior de técnico de urbanismo 2024-2025, organizado pola Xunta de Galicia e o COAG, no Museo do Pobo Galego



    A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, destacou hoxe en Santiago o importante papel que exercen os profesionais vencellados ao eido do urbanismo e da arquitectura á hora de garantir un desenvolvemento territorial e paisaxístico sostible, responsable e ordenado da Comunidade galega.

    Durante o acto de apertura do Curso superior de técnico de urbanismo 2024-2025 no Museo do Pobo Galego, cunha participación de corenta inscritos e organizado pola Xunta de Galicia, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Sonia Rodríguez-Campos lembrou a importancia deste tipo de actividades para reforzar a formación destes coletivos, xa que constitúen un foro de debate “enriquecedor” e lles ofrecen a oportunidade de abordar todas as disciplinas e materias que conforman o urbanismo responsable, unha práctica da que, dixo, “Galicia é hoxe todo un exemplo”.

    Na inauguración, a directora da EGAP estivo acompañada pola Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz; o Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia (APLU), Jacobo Hortas, e do Decano do COAG, Luciano Alfaya.

    Durante a súa intervención, Sonia Rodríguez-Campos lembroulles aos alumnos “que existe unha clara necesidade de formación especializada por parte dos que se dedican ao urbanismo, non só no ámbito da Administración pública, senón tamén entre os que desde as súas profesións privadas desenvolven os seus traballos neste ámbito”.

    Ademais, destacou a importancia de “cursos como este, verdadeiros encontros entre operadores do urbanismo”, que “son aínda máis necesarios nun territorio como Galicia, con normativas lexistativas recentes, ao facilitar o necesario intercambio de pareceres entre profesionais. Cómpre lembrar que a regulación desta disciplina reviste unha especial complexidade, tanto polo encaixe das diferentes normativas estatais e autonómicas que lle afectan, como polas particularidades do noso territorio ”, apuntou.

    “Debemos ser conscientes de que o territorio e a paisaxe son patrimomio de todos e constitúen unha das maiores riquezas que temos”, asegurou Sonia Rodriguez-Campos, quen animou aos participantes do curso a contribuir á “sensibilización social” e “seguir construíndo un país onde a paisaxe, o territorio e o urbanismo gocen da protección que merecen”.

    Con este mesmo obxectivo, a directora da EGAP lembrou que o Gobierno galego leva máis dunha década traballando pola ordenación sostible, o equilibrio territorial e a preservación da paisaxe, un esforzo que se plasmou na aprobación dun corpus normativo moderno e completo, do que subliñou a Lei do solo e o seu regulamento, a Lei de ordenación do territorio, o Plan de ordenación do litoral ou as Directrices da paisaxe.

    O Curso superior de técnico de urbanismo, con 350 horas de duración entre febreiro de 2024 e xuño de 2025, ten como finalidade que o alumnado adquira os coñecementos teórico-prácticos e as habilidades que os capaciten para actuar no mundo da ordenación do territorio e do urbanismo e responsabilizarse dos procesos de xestión do solo.

    Nesta actividade formativa, partirase da análise e do estudo pormenorizado da normativa de ordenación do territorio e urbanística, con especial atención á autonómica galega, combinando o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica que se fai imprescindible no ámbito da ordenación do territorio e do urbanismo.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1190 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212