Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    A Xunta destaca a importancia do deporte como ferramenta de transformación social

    A Escola / Mércores, 8 de Maio de 2024.

    O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, inauguraron esta tarde o curso superior de Deporte, Dereitos Humanos e Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), organizado pola EGAP.





    No acto inaugural tamén estivo presente o director académico do curso, o profesor de Economía da Universidade de Vigo, Patricio Sánchez Fernández. O curso superior, que terá lugar os mércores desde hoxe ata o 29 de maio, ten unha duración de 25 horas lectivas e celebrarase na sede da Escola.

    Na súa intervención de apertura, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia do curso superior “no que se pretende achegar ao persoal empregado público as principais cuestións referentes ao desenvolvemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, facendo especial fincapé nos aspectos onde o deporte pode servir como instrumento de transformación social e para a consecución dos obxectivos fixados pola ONU na Axenda 2030 e o respecto aos dereitos humanos”.

    Ademais, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que o deporte é unha gran ferramenta de cambio social “xa que contribúe cada vez máis a facer realidade o desenvolvemento e a paz promovendo a tolerancia a o respecto, e que apoia tamén o empoderamento das mulleres e os mozos, as persoas e as comunidades, así como os obxectivos en materia de saúde, educación e inclusión social”.

    A directora de EGAP apuntou que esta nova actividade formativa “achega un gran valor engadido ao tratamento dunha temática como é o deporte que, pola súa repercusión social, debe ser obxectivo dun estudo diferenciado por parte de expertos na materia e visto desde unha perspectiva diferente, como impulsor do cambio social”. Por último, afirmou que “isto fai necesario formar aos empregados públicos para que xestionen con eficacia e eficiencia cada un dos aspectos do deporte”.

    Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na primeira sesión do curso co relatorio “Contexto legal e institucional. Marco legal das Administracións públicas, marco xurídico do deporte e organización institucional”.

    Na súa intervención fixo un percorrido polo modelo de organización, público e privado, da actividade deportiva na UE, en España e en Galicia, centrándose no ámbito público.

    No que se refire a Galicia, José Ramón Lete puxo en valor que o sistema deportivo está regulado a través da Lei 3/2012 do Deporte de Galicia, sobre a que o deporte galego medrou de forma significativa nos últimos anos. “Actualmente hai máis de 309.000 licenzas distribuídas entre 59 federación; dos 1.173 deportistas galegos de alto nivel, o 40% son mulleres; case 1.900 clubs de base están financiados pola Xunta, ao igual que 225 clubs de alta competición”, apuntou.

    Canto ao deporte base, destacou que máis de 140.000 nenos e nenas de 6 a 16 anos contan co seguro gratuíto para realizar a práctica deportiva federada e non federada.

    Nesta liña, engadiu o importante investimento da Xunta en materia de deporte, que nos orzamentos deste ano alcanza os 56 millóns de euros. Unha parte considerable -máis de 16 millóns de euros- destinouse á posta en marcha do Bono Deporte para axudar ás familias a sufragar os gastos derivados da realización da práctica deportiva por parte de nenos e nenas de 6 a 16 anos con licenza federada ou do programa Xogade. A medida -destacou o secretario xeral para o Deporte- foi todo un éxito e chegou a máis de 114.500 persoas beneficiarias.

    Ao mesmo tempo, o Goberno galego mantén o seu compromiso co deporte de base e de alto nivel, así como o apoio ás federacións e entidades deportivas e a dotación e mellora de infraestruturas que garantan aos deportistas dispoñer de instalacións axeitadas onde adestrar e competir.

    Programa do curso

    No curso impartiranse materias como a importancia do deporte como mensaxeiro de paz e solidariedade, axente de igualdade e contra a discriminación e aliado da conservación do medio natural, entre outros temas.

    Durante catro sesións formativas está prevista a participación de expertos en intelixencia artificial, xestión deportiva e ODS da Universidade de Castela-A Mancha, así como nas cuestións relativas ao deporte como ferramenta de cambio, coa presenza de membros da Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE), a Universidade de Santiago e a compañía Coca-Cola European Partners.

    O curso rematará o 29 de maio co relatorio sobre o escenario internacional no deporte, a cargo do presidente do Observatorio dos Dereitos Humanos en España (ODHE), Mario Rigau Oliveras.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1211 de 1213
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212