A EGAP convocou 766 actividades formativas entre xaneiro e xullo cun total de 41.778 prazas
A Escola / Martes, 30 de Xullo de 2024.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presidiu hoxe o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, onde se avaliaron as actividades levadas a cabo durante 2024 e as previstas para o segundo semestre do ano
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocou, entre os meses de xaneiro e xullo, un total de 766 actividades formativas e 41.778 prazas, dirixidas na súa maior parte ao persoal empregado público galego. Así se expuso esta mañá no Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, presidido polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e coa asistencia da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.
Ata o momento, a Escola programou 663 actividades de formación continua cun total de 36.614 prazas, tres cursos superiores, un curso monográfico, catro webinarios e catro xornadas de formación práctica dixital. Estas accións serviron para formar ao persoal empregado público en materias como ciberseguridade, deporte, dereitos humanos e ODS, axenda urbana, emprego público, custos simplificados nos fondos europeos no marco 2021-2027, entre outras. Ademais, grazas á sinatura de 59 convenios de colaboración con outras entidades, a EGAP puido convocar un total de 225 actividades ao longo do ano cun total de 20.365 prazas.
A formación impartida pola Escola Galega de Administración Pública durante 2024 destaca pola ampla variedade de contornas de aprendizaxe, cun claro predominio da formación a distancia para facilitar a conciliación e o acceso aos cursos. Así, máis de oito de cada dez prazas foron programadas en modalidades en liña, entre as que se atopan a teleformación, a autoformación e a telepresenza.
Por outra banda, tamén se informou sobre o incremento das actividades en materia de economía pública, a través do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP), ao abeiro do cal se convocaron 35 cursos e 1.996 prazas ata o 30 de xuño, unha cifra superior á dos anos anteriores.
Actividades previstas para o segundo semestre A Escola Galega de Administración
Pública ten previsto convocar nos próximos meses cinco novas actividades en materia de economía pública para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.
A programación do segundo semestre tamén incluirá, entre outras actividades, catro cursos superiores sobre protección de datos persoais, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Administración electrónica, capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais e o liderado no sector público, e catro xornadas de formación dixital.
Ademais celebraranse dous cursos monográficos sobre responsabilidade patrimonial sanitaria e a Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa, e catro xornadas sobre operacións de fin de exercicio nas entidades locais, o procedemento do artigo 150 da Lei 9/2017, de 8 de novembro de contratos do sector público, prevención da violencia de xénero e autocoidados.
Tamén están previstos catro webinarios sobre responsabilidades patrimoniais de autoridades e empregados públicos, o funcionario interino, a contratación pública e dereito da competencia, a Lei de Reforma e Sostibilidade da Administración local e a intelixencia artificial e empregados públicos.
Por último, no segundo semestre do 2024, convocaranse catro xornadas de formación práctica dixital sobre notificacións electrónicas, o uso de certificados electrónicos na Xunta de Galicia, sistemas para a contratación pública e o rexistro electrónico, ademais doutras actividades dirixidas ao persoal das entidades locais galegas.