Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A Xunta impulsa o uso da administración dixital para ofrecer uns servizos públicos máis transparentes, eficientes e accesibles

    A Escola / Martes, 17 de Setembro de 2024.

    A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta mañá a inauguración da décima cuarta edición do Curso superior de Administración electrónica para reforzar a formación de 70 empregados públicos, cunha duración de 111 horas lectivas.


    Este curso, convocado pola Escola Galega de Administración Pública e en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enseñaría en Informática de Galicia, ten como obxectivo ofrecer unha formación completa, actualizada e de calidade en materia dixital, que permitirá aos empregados públicos coñecer o desenvolvemento normativo que regula a Administración dixital e as súas ferramentas.

    A directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, destacou que este curso pretende mellorar as competencias do persoal público nesta materia e para que poidan asumir con facilidade novos procedementos de traballo, o que contribuirá a conseguir unha Administración máis eficiente, eficaz, transparente, accesible e próxima.

    Sonia Rodríguez-Campos indicou que a eAdministración é unha demanda desde o momento en que “todos os cidadáns son potenciais usuarios dela directa ou directamente en calquera dos seus ámbitos, local, autonómico ou estatal e esixen uns servizos de calidade sen distinción do nivel administrativo”.

    Ademais, lembrou a importancia que ten a formación no uso de medios electrónicos dentro dos plans formativos da Escola, tanto para o persoal público como para os cidadáns. Neste sentido, destacou os cursos superiores en ciberseguridade e protección de datos e as xornadas de formación práctica dixital (e-martes).

    Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou a importancia da colaboración coa Escola Galega de Administración Pública e, no caso deste curso, co Colexio Oficial de Enseñaría Informática de Galicia, na formación continua e actualización dos coñecementos sobre tecnoloxías do persoal empregado público.

    Julián Cerviño lembrou que en 2023 desenvolvéronse 144 accións formativas en materia de capacitación dixital, Administración electrónica e ciberseguridade, con máis de 5.000 horas impartidas.

    O presidente do Colexio Profesional de Enseñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, afirmou que co curso preténdese dotar aos empregados públicos das ferramentas “necesarias” para ser líderes da dixitalización nos seus postos de traballo, adquirindo coñecementos técnicos, comprendendo como a dixitalización pode transformar a forma na que se ofrecen servizos á cidadanía e como podemos mellorar a eficiencia das institucións.

    “O futuro da Administración pública galega pasa inevitablemente pola dixitalización, sempre coa cidadanía no centro do traballo público para mellorar a súa calidade de vida e facer que os servizos públicos sexan máis accesibles, eficientes e transparentes. Xuntos podemos seguir construíndo unha Galicia máis moderna, máis próxima á cidadanía e máis eficiente na xestión pública”, engadiu.

    O presidente do CPEIG describiu a Administración electrónica como “unha realidade tanxible e unha necesidade” que aportará á sociedade unha verdadeira transformación cultural, organizativa e legal a través da dixitalización dos procesos, a automatización de trámites e a mellora da interacción entre a Administración e a cidadanía. Así, destacou que os retos da Administración electrónica son a brecha dixital, co desafío de conseguir que a transformación dixital sexa inclusiva; a ciberseguridade, para protexer a información sensible da cidadanía e os recursos das Administracións; a resistencia ao cambio, procurando que os traballadores públicos abracen esta dixitalización, e a adaptación normativa.

    A pesar destes desafíos, Suárez indicou que os beneficios da Administración son aínda maiores, destacando a eficiencia na xestión; a accesibilidade con servizos públicos dispoñibles as 24 horas do día e os sete días da semana; a transparencia e a redución de custos. Pero asegurou que o fundamental é o rol dos funcionarios públicos como líderes da transformación dixital, responsables de “promover a cultura da dixitalización, garantizar que a cidadanía poida acceder aos servizos de maneira segura e eficiente, e estar sempre dispostos a aprender e adaptarse ás novas tecnoloxías”.

    Trala inauguración, Miguel Ángel Amutio, ofreceu o relatorio maxistral sobre o presente e futuro da Administración electrónica.

    O secretario xeral do Consello Consultivo de Galicia, José Ángel Oreiro Romar; o xefe da subárea de seguridade da AMTEGA, Gustavo Herva Iglesias; Carmen García Álvarez, especialista en Innovación Administrativa e Transformación Dixital na Dirección Xeral de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial do Principado de Asturias, e a secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, Elena Barba Pan, serán algúns dos relatores.

    O curso, de modalidade mixta con sesións de telepresenza e presenciais, durará sete semanas ata o 29 de outubro e afondará sobre materias específicas como o réxime xurídico da Administración dixital, a sede e o rexistro electrónico, a cooperación interadministrativa, a seguridade da información, a automatización de procesos, a licitación e factura electrónicas, entre outras.

    Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Facenda e Administración Pública
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1226 de 1230
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212