Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A Xunta aposta pola formación dos empregados públicos en materia de protección de datos para garantir unha administración máis segura

    A Escola / Mércores, 2 de Outubro de 2024.

    Un total de 70 persoas empregadas públicas participan dende hoxe na terceira edición do Curso superior en protección de datos, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Nodo CIBER.gal.


    O curso foi inaugurado esta tarde pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesia; e o director da acción formativa, Gustavo Herva Iglesias.

    A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, incidiu na importancia de que o desenvolvemento das novas tecnoloxías a nivel da Administración pública vaia acompañado dunha clara preocupación pola seguridade como factor decisivo na implantación da Administración electrónica e da sociedade da información. “Por iso un dos obxectivos da Xunta de Galicia para continuar avanzando na implantación da e-Administración é mellorar a seguridade para minimizar os posibles incidentes neste eido, garantir a confidencialidade da información e asegurar a continuidade dos servizos prestados”, afirmou.

    Sonia Rodríguez-Campos resaltou o apoio constante da Escola a todas aquelas actividades formativas que contribúan á capacitación dos empregados públicos e garantir unha administración máis eficiente e segura. Este curso comporta unha relevancia especial dentro do sector público como consecuencia do auxe da Administración electrónica, que trae consigo numerosos retos aos que os empregados públicos deberán facer fronte.

    Por este motivo, segundo a directora da EGAP, faise ineludible a convocatoria de actividades formativas que contribúan a crear un escenario de seguridade xurídica.  Ademais, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que o curso é unha mostra máis do esforzo e o compromiso por parte da Escola por ofrecer unha formación anual completa, actualizada e de calidade naquelas materias de relevancia para o persoal empregado público mediante cursos e accións formativas en relación co eido dixital.

    “É fundamental contar con profesionais ben preparados na materia e que actualicen os coñecementos e as ferramentas necesarias para preservar a información e loitar contra os delitos informáticos, así como saber previr as ameazas e os ciberataques”, concluíu.

    Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesia, destacou a importancia de que as persoas que traballan nas Administracións públicas coñezan o funcionamento e a súa responsabilidade nos procesos que implican o procesamento de datos de carácter persoal.

    Ademais, salientou que a Xunta de Galicia ten en marcha desafíos como a automatización de procesos ou o avance da interoperabilidade na Administración, ou iniciativas que implican o uso de datos de carácter persoal na sanidade, o territorio intelixente, os novos modelos de mobilidade, a xestión do rural e do sector primario ou nos servizos sociais, entre outros.

    Neste sentido, indicou que “debemos estar preparados para estes novos escenarios, sobre todo tendo en conta a aposta de Galicia pola especialización tecnolóxica como oportunidade para reducir as fendas entre os territorios rurais e urbanos, para gañar calidade de vida ou para xerar riqueza e emprego”.

    De seguido, Elena Davara e Laura Davara ofreceron unha clase maxistral sobre as 10 pautas para cumprir en protección de datos e 10 pautas para redes sociais.

    Obxectivos
    A terceira edición do Curso superior en protección de datos, cunha duración de 115 horas, pretende afondar no coñecemento da protección de datos, tanto dende unha perspectiva técnico-xurídica como práctica.

    Os obxectivos desta acción formativa de modalidade mixta (presencial, telepresenza e teleformación) son concienciar ao alumnado sobre a importancia do dereito fundamental á protección de datos personais, para o que é necesaria a aplicación de boas prácticas de acordo coa normativa vixente.

    Tamén abordará os principios básicos de seguridade e as medidas que é necesario implantar nos sistemas de información dende a perspectiva do risco. Así mesmo, proporcionará unha visión global da protección de datos personais, así como as funcións e responsabilidades das persoas que interveñen no seu procesamento.

    Entre as materias que se impartirán destacan a responsabilidade da Administración pública no tratamento dos datos; os dereitos da cidadanía respecto ao tratamento dos seus datos personais; a normativa e o réxime sancionador; o esquema nacional de seguridade; a protección de datos personais en saúde, menores e na Xunta de Galicia; a garantía dos dereitos dixitais na Lei orgánica de protección de datos personais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD); a intelixencia artificial nas Administracións públicas ou a videovixilancia, entre outros temas.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1228 de 1239
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212