A Xunta forma aos empregados públicos en materia de responsabilidade patrimonial sanitaria
A Escola / Luns, 21 de Outubro de 2024.
A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, naugurou esta tarde a primeira edición do Curso monográfico sobre a responsabilidade patrimonial sanitaria que formará a 25 empregados públicos nas vindeiras semanas. A nova actividade formativa está dirixida pola letrada da Xunta de Galicia, Natalia Solar Jimeno.
No acto de inauguración, Sonia Rodríguez-Campos destacou a importancia deste novo curso pola relevancia da temática que se vai tratar e a responsabilidade dos empregados públicos no cumprimento das súas funcións neste campo. “Son moitos os riscos derivados da responsabilidade patrimonial sanitaria, e que os funcionarios das Administracións Públicas saiban xestionalos redunda en beneficio de todos. Trátase dunha materia complexa, cuxa operatividade depende do cumprimento de requisitos estritos que cómpre entender e respectar”, afirmou.
A directora da Escola lembrou a necesidade de ofrecer unha formación específica ao persoal empregado público. Neste sentido, destacou o Plan de formación da Escola do 2024 que representa unha clara aposta polo desenvolvemento profesional das persoas ao servizo das Administracións Públicas de Galicia. “O Plan contribúe, a través de incorporación de contidos estratéxicos, á actualización permanente e a mellora da súa cualificación e, polo tanto, á modernización das nosas Administracións coa perspectiva de poder incidir na calidade dos servizos prestados á cidadanía”.
De seguido, o letrado da Xunta de Galicia, Santiago Valencia Vila, ofreceu un relatorio sobre os aspectos xerais da tramitación dos procedementos de responsabilidade patrimonial sanitaria.
Obxectivos
A primeira edición do Curso monográfico sobre a responsabilidade patrimonial sanitaria, cunha duración de dez horas lectivas, pretende afondar nas principais cuestións relativas á responsabilidade patrimonial sanitaria, atendendo ao cumprimento da Lex artis, o consentimento informado e a incorporación da historia clínica ao expediente.
O curso impartirase en cinco xornadas presenciais, de dúas horas de duración cada sesión, e trataranse os aspectos xerais da tramitación dos procedementos de responsabilidade patrimonial sanitaria, a formación do expediente administrativo, a participación dos terceiros afectados, con especial referencia ao contratista da Administración e a prescripción da acción.
Ademais, esta actividade formativa proporciona unha visión global sobre a perda de oportunidade e o dano desproporcionado, a importancia da proba no procedemento de responsabilidade patrimonial e nos recursos contencioso-administrativos, entre outros temas.
No curso participarán destacados expertos en Dereito como os letrados da Xunta de Galicia, Natalia Solar Jimeno, Guillermo Rodicio Cimadevila e María Fernández Paz.