A xurista e catedrática de Dereito Administrativo Susana de la Sierra destaca na EGAP a importancia do uso da intelixencia artificial na Administración pública mantendo sempre a decisión nas persoas
A Escola / Xoves, 20 de Febreiro de 2025.
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta tarde a conferencia A intelixencia artificial e control das Administracións Públicas, a cargo da catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Castela-A Mancha, Susana de la Sierra. Esta actividade formativa, na que participaron máis dun cento de empregados públicos, encádrase no ciclo de conferencias Cuestións de actualidade no ámbito da Administración pública, da súa organización e do seu funcionamento organizado pola Escola.
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentou a conferencia e incidiu na importancia da formación dirixida ao persoal empregado público en materia de intelixencia artificial xa que esta tecnoloxía permitirá mellorar o modelo de relación das Administracións públicas coa cidadanía, a través do uso de datos que optimizarán os servizos prestados, e a fiabilidade na toma de decisións.
Pola súa banda, a catedrática Susana de la Sierra expuxo os diferentes usos e utilidades da intelixencia artificial no sector público nos campos da actividade informativa, transcrición de textos, infraccións e inspección (Tráfico, Axencia Tributaria e Seguridade Social), asignación de recursos ou subvencións, sanidade e procesos selectivos, entre outros.
Na súa intervención salientou que a maior porcentaxe do uso da IA aplícase na axuda no proceso de toma de decisións e na elaboración de políticas públicas axeitadas. “A intelixencia artificial é un instrumento moi útil na Administración pública, cos seus riscos, pero a decisión ten que estar sempre nas persoas. O ser humano sempre ten que levar as rendas e, ademais, ser logo responsable da decisión adoptada”, subliñou.
A xurista tamén explicou os diferentes tipos de intelixencia artificial: a computacional e a xenerativa, así como os riscos de exclusión que pode xerar a aplicación desta tecnoloxía na actualidade cando unha persoa non ten acceso a un ordenador ou non conta con competencias dixitais pola súa idade, entre outros motivos.
Ademais, Susana de la Sierra analizou o marco normativo actual, o regulamento europeo da intelixencia artificial, as leis xerais e sectoriais e os sistemas de control externo e interno do seu uso, tanto o sistema administrativo de gobernanza como o control xudicial e as súas necesarias adaptacións.
A profesora incidiu sobre os aspectos positivos da dixitalización e da intelixencia artificial aínda que apuntou que existen riscos. “O Dereito como técnica é un instrumento que permite catalogar os devanditos riscos, regulalos, establecer límites, todo iso desde a elaboración das normas ata a aplicación polos distintos actores”.
Neste punto, tamén sinalou a necesidade dun cambio na organización interna da Administración. “É preciso incorporar medidas ambiciosas dentro das Administracións públicas para que sexan organizacións máis modernas. Coa intelixencia artificial desaparecerán postos de traballo pero crearanse novos”. Neste sentido, abogou por equipos mixtos, é dicir, funcionarios tradicionais que sexan capaces de tramitar expedientes e colaboren cos informáticos para a incorporación dos sistemas de intelixencia artificial nas Administracións públicas.
Asimesmo manifestou que a intelixencia artificial “é unha ferramenta para abordar as fendas dixitais e facerlles fronte co obxectivo de facilitar a inclusión social”. Neste sentido, segundo a xurista, o Estado social dixital maniféstase dun xeito máis intenso e para iso é preciso emprender as políticas públicas necesarias, cun orzamento adecuado, co fin de cumprir o marco constitucional vixente.