O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, entregaron esta mañá na Escola o Premio Manuel Colmeiro. Ao acto tamén asistiu Alberto Vaquero García, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e secretario do xurado.
O premiado da XXVII edición foi o avogado e doutor en Dereito pola Universidade de A Coruña, Jaime Pensado Sande, por un traballo titulado El régimen jurídico de las indicaciones geográficas gallegas.
Logo de felicitar ao gañador, Miguel Corgos destacou que a obra premiada aborda o réxime xurídico das indicacións xeográficas protexidas galegas desde o seu nacemento ata o marco xurídico de reparto de competencias entre o Estado e a Comunidade Autónoma, afectado pola recente entrada en vigor da nova lei galega da calidade alimentaria. Esta lei adapta a regulación á numerosa normativa europea aprobada nos últimos anos.
Nesta mesma liña, o conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou que o autor expón os aspectos fundamentais do obxecto de estudo, desde a diferenciación entre figuras que adoitan tratarse como idénticas ou o seu percorrido histórico, ata novidades en materia de organización administrativa.
O Premio Colmeiro
O conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou que o premio foi creado no ano 1992 para fomentar o esforzo investigador sobre o sector público autonómico, “susceptible de redundar na mellora das estruturas administrativas e do seu funcionamento”.
Ademais, a vertente investigadora da EGAP, reflectida tanto a través deste premio como das publicacións anuais e das revistas científicas editadas dende a propia Escola, serven como punto de partida aos profesionais do eido público e aos investigadores para coñecer e profundar nas Administracións galegas dende tódalas vertentes científicas posibles, aclarou Miguel Corgos.