A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou esta tarde a I edición do Curso superior en deporte, empresa saudable e novas tendencias, unha acción formativa especializada orientada a analizar o deporte como ferramenta estratéxica para a promoción da saúde laboral, a mellora da produtividade e a modernización das entidades públicas e privadas.
A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou esta tarde a I edición do Curso superior en deporte, empresa saudable e novas tendencias, unha acción formativa especializada orientada a analizar o deporte como ferramenta estratéxica para a promoción da saúde laboral, a mellora da produtividade e a modernización das entidades públicas e privadas.
No acto inaugural tamén estivo presente o director académico do curso e profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, Patricio Sánchez Fernández. O curso superior, que se desenvolverá en modalidade presencial ao longo de cinco sesións ata o 8 de abril, ten unha duración total de 30 horas lectivas e contará coa participación de 60 asistentes.
Na súa intervención, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, salientou a alta demanda para participar no curso superior, con máis de 150 solicitudes, e incidiu en que o deporte “é un fenómeno transversal con impacto directo na saúde, na economía e na cohesión social”.
Neste sentido, apuntou que o modelo de empresa saudable constitúe “unha estratexia que favorece o benestar físico e mental das persoas traballadoras, reduce o absentismo e a sinistralidade, promove un bo clima laboral, mellora a comunicación interna ao tempo que incrementa a produtividade e fortalece a imaxe corporativa responsable e comprometida co benestar integral”.
Ademais, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que, con este curso superior, a EGAP “reafirma o seu compromiso coa formación continua do persoal ao servizo das Administracións públicas e coa promoción de prácticas que sitúan o benestar das persoas no centro das estratexias organizativas”.
Por último, afirmou que esta actividade formativa “non só contribúe á mellora das competencias profesionais das persoas participantes, senón que tamén impulsa un cambio cultural orientado á creación de contornas laborais máis activas, saudables e sostibles”.
De seguido comezou a primeira sesión, na que se trataron cuestións como o contexto legal e institucional e o deporte como ferramenta de cambio. Nela interviron o director da Zona Noroeste de Umivale Activa, Manuel Páramo Sureda; o fundador e CEO do Grupo BeOne/Serviocio, Roberto Ramos Piñeiro, e o director do curso, Patricio Sánchez Fernández.
Programa do curso
O programa estrutúrase en cinco sesións presenciais que abordarán temas como o marco legal e institucional do deporte, o seu papel como axente de cambio social, os programas de empresa saudable, a saúde mental e o benestar emocional, o liderado e o alto rendemento, así como o deporte corporativo e a adherencia profesional.
Ao longo das distintas xornadas analizaranse tamén as novas tendencias no ámbito do deporte e da xestión, incluíndo a innovación tecnolóxica, a aplicación da intelixencia artificial e a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) nas políticas organizativas.
Esta acción formativa conta coa participación de profesionais de recoñecido prestixio a nivel autonómico e estatal nos ámbitos da xestión deportiva, a saúde laboral, a economía e a innovación, ofrecendo unha visión práctica e actualizada dos retos que afrontan as organizacións públicas e privadas.
A I edición do Curso superior en deporte, empresa saudable e novas tendencias preséntase como un espazo de reflexión, aprendizaxe e intercambio de boas prácticas, orientado a impulsar organizacións máis activas, saudables, responsables e adaptadas aos retos da sociedade actual.