A EGAP reinvindica a formación e a profesionalización do persoal público como claves para avanzar cara a unha Administración máis transparente e próxima
A Escola / Mércores, 30 de Setembro de 2026.
A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, participou esta tarde na clausura da XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Goberno Aberto, celebrado na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago.
Na súa intervención, Rodríguez-Campos puxo en valor a transparencia “como un elemento esencial para reforzar a confianza da cidadanía nas institucións” e destacou o papel da formación e da profesionalización do persoal empregado público “para avanzar cara a unha Administración máis moderna, íntegra e próxima”.
A directora da EGAP salientou tamén os retos que a transformación dixital e a intelixencia artificial presentan para as Administracións públicas, “que deben incorporarse preservando principios como a legalidade, a igualdade, a responsabilidade e o servizo ao interese xeral”.
No ámbito da integridade pública, referiuse á importancia de abordar cuestións como os conflitos de intereses, a contratación pública, as axendas oficiais ou os agasallos, así como de fortalecer a cultura da integridade e a formación dos empregados públicos.
Rodríguez-Campos destacou igualmente a necesidade de facilitar unha comunicación pública clara e accesible e de reforzar a colaboración entre as administracións, o ámbito académico, os organismos de control e a sociedade civil.
Na súa intervención, salientou o papel da EGAP como institución ao servizo da modernización da Administración pública galega e da preparación do seu persoal ante unha realidade administrativa en transformación permanente. Segundo explicou, a formación “permite anticiparse aos cambios, reducir riscos, mellorar capacidades e reforzar a capacidade das institucións para responder ás necesidades da sociedade”.
A XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Goberno Aberto, que reuniu a máis de 300 persoas de 20 países, abordou ao longo das súas sesións cuestións como a relación entre transparencia e seguridade, o impacto da intelixencia artificial e das novas tecnoloxías no dereito de acceso á información, a integridade pública e os conflitos de intereses, a regulación dos grupos de interese, a contratación pública, a protección de datos, a ciberseguridade e a desinformación, así como a accesibilidade e a comunicación clara.
O programa contou coa participación de representantes de universidades, órganos de control e supervisión, Administracións públicas e organizacións da sociedade civil. Entre as entidades participantes estiveron o Consello de Contas de Galicia, a Oficina Antifraude de Cataluña, a Axencia Española de Protección de Datos, Transparencia Internacional España, Fundación Hai Dereito e Access Info Europe.
A edición deste ano incorporou tamén unha dimensión internacional coa participación da Universidade Central de Chile, ampliando o espazo de diálogo coa comunidade latinoamericana e favorecendo o intercambio de experiencias e coñecemento arredor da transparencia e o goberno aberto.
A clausura contou coa participación, entre outras autoridades, da secretaria xeral da Universidade de Santiago de Compostela, Alicia Villalba Sánchez; a decana da Facultade de Dereito, Ana María Gude Fernández; o presidente da Axencia Española de Protección de Datos, Lorenzo Cotino Hueso; o Conselleiro Maior do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro Fernández; o coordinador xeral do Congreso, Anxo Varela Hernández; e a secretaria xeral do Congreso, Yolanda Fernández Vivas.
A directora da EGAP concluíu sinalando que “unha Administración transparente, íntegra, profesional e próxima é unha Administración máis preparada para responder aos desafíos do presente e para mirar cara ao futuro cun propósito claro: servir mellor á cidadanía”.