A importancia da auga queda de manifesto cando consideramos que a maior parte da nosa masa corporal está formada por este elemento. Ata o punto que, en gran medida, podemos afirmar que somos auga.
A auga forma parte do noso propio ser e tamén da inmensa maioría dos alimentos que consumimos. Todo o que comemos ten a súa orixe ligada á auga, non só porque forma parte da súa propia composición, senón porque é indispensable para a súa orixe e crecemento. Deste xeito, a maior parte da auga que bebemos está incorporada aos produtos que comemos.
A aparente dispoñibilidade deste recurso natural non pode levarnos a infravaloralo. Que Galicia sexa considerada tradicionalmente como un país de auga non pode levarnos a desentendernos da importancia de evitar o seu mal uso e a súa deterioración.
Como calquera recurso, a auga non pode malgastarse, nin facer uso dela de forma irresponsable. Todos podemos axudar ao seu mellor emprego na nosa vida diaria e tamén á hora de producir, distribuír ou consumir os alimentos.
A nosa actualidade máis inmediata estanos a mostrar unha dobre realidade: a necesidade de valorar os recursos e a fraxilidade da abundancia das reservas hídricas na nosa terra. De pouco valen os esforzos que estamos a realizar para ampliar e mellorar os servizos de abastecemento e saneamento de augas se non van acompañados da necesaria concienciación e dun uso responsable do recurso.
É preciso interiorizar que as boas prácticas individuais son tan importantes como as obras colectivas e que os pequenos xestos, como pechar unha billa ou evitar que os alimentos se perdan, axudan a obter grandes resultados. Se actuamos conforme a estas pautas achegaremos unha gran contribución para conservar e mellorar a calidade dun recurso sempre vital e cada día máis prezado.
Somos auga. Galicia é auga. Miremos por ela.