Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP aposta pola calidade e adquire 43 compromisos a través da súa carta de servizos.

    Investigación / Mércores, 11 de Abril de 2012.

    • A EGAP é o primeiro organismo da Xunta de Galicia que obtén o recoñecemento de carta de servizos auditada referida á totalidade de servizos que presta.
    • Coa carta de servizos perséguese satisfacer as necesidades e as expectativas dos usuarios a través do cumprimento dos compromisos contraídos.


    A EGAP optou por elaborar unha carta de servizos de nivel “auditado” o que significa un maior rigor e control do seu proceso de elaboración e sobre todo de esixencia no cumprimento das obrigas que adquire.

    O DOG publica hoxe a carta de servizos de nivel auditado da EGAP, que ten como finalidade informar á cidadanía sobre os servizos que presta a Escola, os compromisos de calidade que asume e os dereitos que asisten aos seus usuarios. A través deste documento a EGAP contrae cos usuarios 43 compromisos referidos a todos os servizos que presta.

    A carta de servizos da Escola, que foi aprobada pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa (DXARA), está dispoñible na páxina web da EGAP na sección Carta de Servizos.

    Os compromisos que asume a Escola responden ás expectativas dos usuarios manifestadas a través de enquisas anuais. Estes fan referencia a aspectos como a publicación da acción formativa no ano anterior ao que se imparte, o que permite aos empregados públicos dispoñer de toda a oferta formativa á hora de facer a súa elección; o incremento do mínimo de horas prácticas nos cursos; a xeneralización das probas de avaliación de coñecementos adquiridos, que garanten o aproveitamento dos recursos; o maior peso da teleformación para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral; o aumento significativo da oferta formativa en linguas estranxeiras e novas tecnoloxías; o reforzo das ensinanzas en linguaxe administrativa, xurídica e técnica en galego; a creación de itinerarios formativos; a descentralización da formación presencial; a xeneralización da administración electrónica nos procesos internos da Escola; a creación e actualización de temarios para procesos selectivos para o ingreso na Administración autonómica e o seu acceso gratuíto na web; e a EGAP 2.0 que permite a interacción da Escola coa cidadanía e o acceso gratuíto a todos os fondos bibliográficos e audiovisuais.

    Todo isto está sometido a un proceso de avaliación e mellora continua como base fundamental sobre a que asenta a política formativa da EGAP que garante a eficiencia dos recursos e o retorno das inversións en formación.

    Esta carta de servizos constitúe o primeiro paso do camiño emprendido pola Escola no ano 2009 orientado cara á consecución da excelencia na xestión da calidade a través da norma UNE-EN ISO 9001:2008 e do Selo de Excelencia "Compromiso cara á Excelencia en Xestión", segundo o Modelo Europeo EFQM.

    Cómpre resaltar que a EGAP é o primeiro organismo da Xunta de Galicia que obtén o recoñecemento de carta de servizos auditada referida á totalidade de servizos que presta.

    A Xunta de Galicia considera as Cartas de Servizos como unha importante e útil ferramenta de xestión da mellora continua da Administración pública, pois permiten analizar os niveis de calidade na prestación dos servizos, adquirir compromisos concretos orientados a dar satisfacción ás expectativas e necesidades detectadas da cidadanía e facer públicos os resultados obtidos no cumprimento destes compromisos.

  •   Anterior Seguinte  
    Pax 48 de 1213
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212