A Escola Galega de Administración Pública asina un convenio de colaboración coa Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
A Escola / Luns, 24 de Setembro de 2012.
Esta mañá a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e a presidenta da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, Gema Filgueira Garrido, asinaron un convenio que fará posible a colaboración entre as dúas entidades.
Mediante a sinatura deste documento, a EGAP e a Coordinadora traballarán conxuntamente para realizar actividades formativas, de divulgación e de investigación destinadas a contribuír á cooperación ao desenvolvemento, á acción humanitaria e de emerxencia e á educación para o desenvolvemento. Deste xeito, levaranse a cabo actuacións específicas que fomenten a construción dun modelo de cooperación ao desenvolvemento de calidade e transformador para Galicia, mediante a potenciación dun espazo de intercambio e reflexión das ONGD integradas.
En concreto, a formalización deste convenio permitiralle á Coordinadora levar a cabo unha serie de obradoiros específicos que contribuirán a mellorar a calidade da labor realizada polas ONGD galegas pertencentes a esta asociación.
Ademais destas actividades, o convenio especifica que as modalidades de colaboración previstas poderán consistir na realización conxunta de cursos, a edición conxunta de libros, doutras publicacións e de documentos de traballo. Así mesmo, a devandita sinatura habilita a promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións mediante proxectos conxuntos.