Durante o acto de apertura, a directora da EGAP subliñou a importancia da expropiación como instituto clásico do Dereito administrativo e a súa constante revisión pola doutrina para darlle solución aos moitos problemas que ofrece na práctica. Precisamente, un dos máis complexos destes problemas é a fixación do chamado xustiprezo, é dicir, a indemnización que corresponde aos suxeitos expropiados pola privación dos seus bens ou dereitos de contido patrimonial.
Sonia Rodríguez-Campos, destacou na súa intervención que co obxecto de fixar do xeito máis adecuado a dereito a referida compensación económica creouse o Xurado de Expropiación de Galicia, pola Lei autonómica 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural. Así mesmo, lembrou que esta entidade se configura como órgano colexiado permanente especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a expropiante sexa a comunidade autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.
Neste curso de 64 horas, que se inicia hoxe e se prolongará ata xaneiro, afondarase en aspectos como a fixación e valoración de bens e dereitos expropiados desde a experiencia e conforme aos criterios seguidos polo Xurado de Expropiación de Galicia.
Con este curso os participantes percibirán unha visión práctica e realista da complexidade das actuacións en materia de expropiación da Xunta e dos municipios de Galicia e tamén servirá de marco para analizar cuestións de actualidade neste campo, tanto de forma individual como en grupo.
En definitiva, preténdese dotar a cada participante do perfil profesional idóneo para que as empresas e particulares interesados dispoñan de asesores especializados na materia de expropiación forzosa.
Nesta actividade participarán profesionais experimentados como o director xeral de Administración Local, decano do Colexio de Enxeñeiros de Montes ou o director Xeral de Patrimonio, así como profesores universitarios, persoal funcionario, ou o propio presidente do Xurado de Expropiación de Galicia, profesionais que explicarán con claridade e detalle todo o que se precisa saber sobre o proceso expropiatorio e a valoración.