Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP colabora con FEAFES Galicia en actividades formativas, divulgativas e de investigación

    A Escola / Mércores, 12 de Setembro de 2012.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e o director de FEAFES Galicia, Antonio Hernández, asinaron hoxe pola mañá un convenio de colaboración, que ten coma obxectivo principal salvagardar os dereitos e mellorar a calidade de vida dos familiares e persoas con enfermidade mental, actuando de forma máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos, materiais e organizacionais.


    Sonia Rodríguez- Campos resaltou a importancia da actividade realizada por FEAFES Galicia, e a súa satisfacción porque a Escola colabore neste ámbito transcendental para a sociedade, e destacou que a primeira actuación a desenvolver conxuntamente, será a Xornada de Alternativas de Vivenda e Medidas Xurídicas de Protección para Persoas con Enfermidade Mental, que xa conta con douscentos participantes, e na que expertos analizarán a situación actual das opcións coas que contan os familiares no referente á vivenda e presentaranse experiencias novidosas levadas a cabo tanto a nivel nacional e internacional.

    Ademais, as modalidades de colaboración previstas poderán consistir na realización conxunta de cursos, de xornadas, de seminarios e doutras actividades de divulgación; a edición conxunta de libros, doutras publicacións e de documentos de traballo; e a promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións mediante proxectos de investigación conxuntos.

    Feafes Galicia

    A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes Galicia) é unha entidade sen ánimo de lucro, creada en 1995 e que actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega.

    Feafes Galicia ten como obxectivo a mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias e coidadores, a defensa dos seus dereitos e a representación e defensa do movemento asociativo, ofrecendo apoio e coordinación á asociacións que a integran. A través de asociacións e delegacións Feafes está presente nunha trintena de localidades galegas e representa ao colectivo de persoas con enfermidade mental da comunidade, das que máis de 39.000 teñen certificado de discapacidade.

  •   Anterior Seguinte  
    Pax 89 de 1208
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212