Dá comezo o Curso de Sistemas de Información Xeográfica 2012
A Escola / Martes, 16 de Outubro de 2012.
A Escola Galega de Administración Pública inaugura hoxe o Curso de Sistemas de Información Xeográfica 2012, unha actividade formativa realizada en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Dirección Xeral de Administración Local e o Instituto de Estudos do Territorio (IET).
Á súa apertura asistiron Sonia Rodríguez-Campos González, directora da Escola Galega de Administración Pública; Alfredo Fernández Ríos, coordinador do Sistema de Información Territorial da Xunta de Galicia, Instituto de Estudos do Territorio; e José Ramón Porto Pedrido, director do curso.
Este curso está deseñado para que o alumnado adquira os coñecementos teórico-prácticos e habilidades necesarias para aplicar solucións con información xeoespacial utilizando sistemas de información xeográfica. Combina o estudo dos fundamentos teóricos dunha ferramenta SIX cunha completa formación práctica no uso dos sistemas de información xeográfica co obxectivo de que os alumnos aprendan a xestionar a información xeoespacial de maneira eficiente. Ademais, esta actividade ten como obxectivo xeneralizar o uso dos SIG na Administración e que este tipo de tecnoloxías e as súas aplicacións se dean a coñecer á sociedade.
O curso está englobado dentro da formación superior e de especialización da EGAP, deseñada para ofrecer ao alumnado uns coñecementos actualizados que lle permitan ao alumnado actualizarse e adaptarse ás necesidades do mercado profesional e laboral.