Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP aposta por teleformación e autoformación para garantir máis flexibilidade e eficacia dos recursos de ensino

    A Escola / Martes, 18 de Febreiro de 2014.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, deu conta hoxe das innovacións en materia formativa da EGAP nunha pregunta parlamentaria na que destacou a aposta do centro pola teleformación e a autoformación como medidas para garantir unha aprendizaxe máis eficaz e un maior aproveitamento de recursos.


    Segundo explicou a directora, o centro atópase en constante evolución para adaptar a formación ás novidades pedagóxicas e tecnolóxicas actuais. A mostra máis evidente deste proceso de mellora foi a forte implantación da modalidade de teleformación, que desde 2008 aumentou do 40 ao 60 por cento das prazas.

    A posta en marcha deste sistema de aprendizaxe online supuxo un importante avance para o alumnado da EGAP, que agora evita desprazamentos innecesarios e pode conciliar a súa vida familiar coa laboral e académica. Así mesmo, reducíronse custes na formación e se xera unha gran cantidade de material formativo que é posible reutilizar.

    Estas vantaxes, unidas ao esforzo por elaborar materiais formativos completos e actualizados e á preocupación pola formación dos docentes, conseguiron facer dos cursos en teleformación da EGAP unha opción de igual calidade que a modalidade presencial. Así, na última convocatoria para o persoal da Administración autonómica as solicitudes de formación online duplicaron ás presenciais.

    Autoformación

    Doutra banda, no ano 2013 a Escola foi un paso máis alá coa posta en marcha dun programa de autoformación, no que -a diferenza da modalidade online- o alumno pode adquirir coñecementos dunha materia concreta sen titorización, pero con acceso a contidos formativos actualizados e de calidade. Nesta nova modalidade o alumnado dispón da liberdade necesaria para elaborar o seu propio plan de aprendizaxe, sen restricións temporais ou de lugar -o acceso é posible en calquera momento desde calquera dispositivo con conexión á internet-, o cal favorece a conciliación da vida familiar e laboral.

    Ademais, a autoformación axuda a satisfacer a elevada demanda existente en canto a formación, posto que é un programa que vai dirixido a todos os empregados públicos da Administración autonómica galega, un colectivo formado por máis de 16.000 persoas.

    TICs e cursos monográficos

    Sonia Rodríguez-Campos non quixo rematar a súa exposición sen mencionar dous dos puntos fortes da formación da Escola nos últimos anos. Dunha banda, o Plan Formativo Ofimático de Galicia, que desde a súa posta en marcha, no ano 2011, serviu para convocar máis de 20.000 prazas de formación en materias relacionadas coas novas TICs.

    Finalmente, co obxectivo permanente de innovar e ofrecer unha formación o máis completa posible aos empregados públicos, a EGAP creou no 2013 os cursos monográficos. O obxectivo destes cursos é que o alumnado poida coñecer de preto as distintas problemáticas que se suscitan na Administración, a fin de fomentar o intercambio de ideas e experiencias que permitan mellorar tanto a xestión pública como a propia organización administrativa e poder propiciar foros de encontro e reflexión.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 229 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212