Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7   Imagen 3 de 7  

    A Escola analiza a xestión de fondos europeos nun seminario sobre transparencia administrativa

    A Escola / Mércores, 19 de Marzo de 2014.

    Esta mañá a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo inauguraron o I Seminario sobre transparencia administrativa e protección dos intereses financeiros da Unión Europea na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que durante dous días reunirá en Santiago de Compostela a importantes expertos nesta materia.


    Durante o acto, Sonia Rodríguez-Campos lembrou a actualidade do tema tratado nesta actividade, xa que “a análise dos fondos europeos, a transparencia na súa xestión e a cooperación interterritorial adquiren unha importancia significativa que ningún xestor público nin a cidadanía poden ignorar”. Ademais, fixo fincapé na inflexión que supuxo a crise actual na xestión dos fondos europeos ao “provocar unha maior implicación das institucións europeas e dos gobernos no control do destino das axudas e subvencións outorgadas”.

    Pola súa banda, Jesús Gamallo destacou a oportunidade que supón este seminario para coñecer en profundidade o control dos fondos europeos, tanto polos cambios que se están a suceder na UE no relativo aos mecanismos para a concesión de axudas, como pola redución dos orzamentos comunitarios destinados a subvencións. Así mesmo, resaltou que, a pesar de abandonar o obxectivo de rexión menos desenvolvida, Galicia seguirá recibindo un importante volume de fondos europeos, o que lle permitirá recibir un mínimo do 60 por cento dos fondos que percibíu período 2007-2013. Así, segundo o reparto dos fondos estruturais anunciado polo Goberno central o pasado 26 de setembro, Galicia recibirá 2.771 millóns de euros en concepto de FEDER e Fondo Social Europeo (FSE).

    Germán Fernández Farreres

    A intervención inaugural do seminario foi pronunciada polo catedrático de Dereito administrativo da Universidade Complutense de Madrid Germán Fernández Farreres. Durante o seu relatorio insistiu nas importantes reformas que se sucederon recentemente ao redor do marco xurídico das axudas de Estado coa modificación do regulamento de procedemento ante a Comisión, do regulamento de habilitación e do regulamento de axudas de minimis.

    Ademais, destacou a modulación por parte da Unión Europea dos criterios existentes para a concesión de subvencións e axudas provocada pola actual crise, analizando o papel que estas percepcións económicas deben xogar dentro da recuperación da economía.

    I Seminario sobre transparencia administrativa e protección dos intereses financeiros da Unión Europea na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

    Durante dous días a Escola Galega de Administración Pública acolle este seminario no que se formularán propostas para mellorar a transparencia do sector público co propósito de garantir que a cidadanía poida coñecer o volume de gastos e ingresos das administracións, quen son os destinatarios dos contratos públicos, quen se beneficia de cada subvención ou canto custa realizar unha obra ou fomentar unha determinada actividade.

    A actividade ten como obxectivos principais concienciar sobre a protección dos intereses financeiros da Unión Europea, difundir boas prácticas sobre a xestión e control dos fondos da UE, dar a coñecer as novas medidas de transparencia que vai poñer en práctica a Xunta de Galicia, promover a cooperación transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e promover o debate social e político sobre estes temas.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 242 de 1198
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212