Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP acolle o VIII Congreso internacional de psicoloxía xurídica e forense

    A Escola / Xoves, 23 de Outubro de 2014.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, participou esta mañá na inauguración do VIII Congreso internacional de psicoloxía xurídica e forense, ao que tamén asistiron o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; o reitor da USC, Juan Manuel Viaño; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez; o presidente da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense, Ramón Arce; e a concelleira de Servizos Sociais de Santiago de Compostela, Mª José Corral.


    Sonia Rodríguez-Campos, na súa intervención, comezou por agradecerlle á organización que neste oitavo encontro escollesen como sede á EGAP, xa que a vocación desta institución é “ser un foro de análise de temas de actualidade daquelas materias de grande impacto para a sociedade”. Ademais, destacou a importancia de que a Escola acolla este congreso internacional, que “servirá para promover e difundir a investigación entre científicos, docentes, profesionais, operadores xurídicos e sociedade”. Finalmente, resaltou que este encontro “contribuirá a unha reflexión permanente sobre a evolución dos procedementos relativos á psicoloxía xurídica e forense, o que axudará a construír roles profesionais cada vez máis sólidos e mellor formados”.

    Por outra banda, o director xeral de Xustiza, aproveitou o acto para agradecer o “esforzo diario” dos psicólogos do IMELGA, consciente do volume de informes periciais que se lles encargan, da dificultade de moitas destas periciais e da responsabilidade que implica o seu traballo nos distintos procedementos xudiciais.

    Colaboración coa Universidade e o Colexio de Psicoloxía

    Así mesmo, destacou o complemento que supón a USC, coa que anualmente manteñen un contrato para a prestación do servizo de asistencia psicolóxica forense; e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a través do protocolo de colaboración que teñen subscrito no ámbito da quenda de asistencia pericial á Administración de Xustiza.

    Para o titular da Xustiza galega ambos exemplos son unha mostra máis do compromiso da Xunta de Galicia coa dotación dos medios precisos “para contribuír á xustiza de calidade que a cidadanía demanda, a súa modernización e a súa constante mellora”.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 300 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212